Despois de oito meses e medio e 34 xornadas acabou a Liga da Costa 16-17, que se caracterizou por unha serie de rachas (de vitorias ou de derrotas) que tiveron varios equipos e pola fragmentación en claros bloques de equipos na táboa clasificatoria ao longo da temporada. As rachas máis significativas foron as do Corme (26 partidos sen perder), Baio (13 vitorias seguidas), San Lorenzo (16 partidos sen perder), Castriz (8 derrotas seguidas) ou Laxe (12 derrotas seguidas), que os levaron a destacar positiva ou negativamente na clasificación. Unha clasificación que tivo, como dixemos, varios bloques ou grupos de equipos que a fragmentaron durante a temporada. Por unha parte está o bloque de cinco equipos que loitaron polo título e pola praza de promoción: Baio, San Lorenzo, Corme, Mazaricos e Ponteceso, aínda que os pontecesáns descolgaríanse e quedarían en terra de ninguén. Un segundo bloque de equipos que non foron capaces de engancharse aos que loitaban polo título nin tampouco pasaron apuros de descenso: foi o caso de Malpica, Cerqueda, Monte Louro e, en boa parte da liga, Camariñas, Castriz ou Cee, aínda que unha serie de rachas fixeron modificar o estatus destes equipos. E o último bloque, no que estaban os que intentaban eludir o descenso, complicado esta temporada polo feito de aumentar a tres os descensos directos debido á redución de equipos para a vindeira campaña e tamén aos máis que posibles arrastres que se aventuraban -e que se cumpriron- de equipos costeiros da 1ª Galicia: Laxe, Porteño, Corcubión, Coristanco, Buño, Baíñas e Esteirana estiveron nos postos baixos durante boa parte da liga, mais algún deles aproveitou un xiro brusco para escapar da queima e asentarse na zona media. Analicemos brevemente cada un dos equipos da Liga da Costa seguindo a súa clasificación final:
1- CD BAIO: Foi o brillante campión cumprindo os prognósticos que o sinalaban como un dos candidatos despois do descenso da temporada anterior. Tras un inicio dubitativo con dúas derrotas nas sete primeiras xornadas e bastantes goles encaixados, en canto conseguiu asentarse defensivamente, o da súa dianteira fixo o resto. As moitas lesións que sufriu ao longo da temporada non foi impedimento para que chegase ao intermedio a dous puntos do líder Corme. Despois dun comezo de segunda volta no que chegou a terceira derrota, encadeou unha xeira impresionante de 13 vitorias seguidas que lle permitiron escapar na clasificación e darlle o título de liga xa na antepenúltima xornada. Nos 25 partidos que van da x.8º á 32ª sumou 66 puntos dos 75 que estaban en xogo. Rematou a liga con 84 puntos, igualando o récord de puntuación establecido polo Fisterra SD a temporada pasada, sendo o mellor tanto nos partidos xogados como local como nos que era visitante.
2- SD SAN LORENZO: Segunda praza para os verdilleses que confirmaron esta temporada o realizado en anteriores campañas. O filial do Bergantiños comezou de maneira irregular, perdendo moitos partidos e afastándose dos postos cabeceiros. Ata seis partidos perdeu na primeira volta, o que fixo que chegase ao seu remate a doce puntos do líder Corme. Pero a segunda volta foi outra historia, e mantívose16 partidos sen perder (deles un único empate), o que o converteu no mellor equipo deste segundo tramo. Isto permitiulle dar caza, e incluso superar, ao Corme e alcanzar o subcampionato. Foi o segundo mellor equipo como local e tamén como visitante, escapando da lenda de que gaña polo seu campo, e ademais superou a marca particular de goles establecida a temporada pasada e chegou aos 107 goles. Remataría a súa boa liga conseguindo o ascenso logo de mostrarse moi superior aos seus rivais na promoción.
3- CORME CF: O equipo estrela en boa parte do campionato, en gran medida polo feito de manterse invicto ata a xornada 27ª. 19 vitorias e 7 empates permitíronlle sumar 64 puntos nesas 26 xornadas, o que fixo que fose líder en case dous terzos da liga (da x.7ª á 26º). Aínda que en boa parte da primeira volta se mantivo no máis alto empatado co Baio, chegou ao seu remate con dous puntos de vantaxe, que mesmo logrou incrementar no inicio da segunda. Pero coa derrota no Cairo ante o San Lorenzo na x.27ª non só perdeu a condición de invicto senón que tamén perdeu o liderado en favor do Baio, non podendo xa recuperalo. A derrota en Baio apartouno definitivamente do campionato e co seu mal final ligueiro, perdeu tamén a segunda praza. Destacou a súa capacidade realizadora, superando o centenar de goles, co seu dianteiro Alejo conseguindo máis da metade deles.
4- MAZARICOS CF: Un cuarto candidato ao título e que finalmente optou case ata o final ao posto de promoción foi o equipo do Mazaricos. Cunha base de xogadores bastante fixa, na que igual botaron a faltar a Chenel en boa parte da primeira volta, mantívose sempre como outsidder, pero sen chegar a confirmarse como alternativa real. Rematou o primeiro tramo ligueiro a cinco puntos do líder, tras estar as súas 12 últimas xornadas sen perder (un só empate). Baseado nun forte sistema defensivo -foi o equipo menos goleado-, o seu punto débil veu nos enfrontamentos directos nos que só sumou catro puntos nos oitos partidos cos outros catro equipos do quinteto cabeceiro.
5- PONTECESO SD: Mantívose aí na parte alta pero non acabou de dar o paso definitivo para aspirar a algo máis. Acabou a primeira volta na 4ª posición, a dez puntos do líder, e non mellorou os seus números na segunda volta, polo que pouco a pouco se foi afastando do grupo cabeceiro ata acabar en terra de ninguén, asegurando a quinta praza. Mellorando a súa puntuación como forasteiro será un duro rival para a loita ligueira da vindeira campaña.
6- SCD MALPICA: Era, por nomes, un dos chamados a estar arriba, logo do descenso da temporada anterior, pero non solucionou moitos dos problemas que o fixeron descender e non deu sinais de poder chegar a estar nas prazas de privilexio. Intentou dar un xiro na segunda volta coa chegada dun novo adestrador e de varias fichaxes pero a súa mellora foi efémera e ao remate asinou os mesmos números nas dúas voltas, quedando nunha cómoda sexta praza final.
7- UD CERQUEDA: Un dos equipos sorpresa da temporada, que iniciou moi ben o campionato, chegando incluso a liderar a clasificación nas primeiras xornadas. Aproveitou ese bo inicio para manterse en postos cómodos da clasificación e a pesar de rematar a primeira volta con oito partidos sen gañar, non caeu no desánimo e logrou recuperarse e non pasar ningún tipo de apuro. Destacou polo proveito que soubo sacarlles aos seus escasos goles, pois foi o segundo menos goleador da liga (45 goles), pero aínda así colleitou 49 puntos.
8- SD ESTEIRANA: Con escasos efectivos e de pouca experiencia a maioría deles, iniciou a liga o equipo esteirán, que non obstante destacaba polo seu xogo e foise asentando na zona media. Pero axiña foi caendo para os postos baixos, e tras sumar seis puntos nas nove primeiras xornadas da segunda volta tocou fondo. O troco de míster e a volta ao equipo dos Rama, Josiño e Pladur fixo que reaccionase de xeito impresionante e seis vitorias en sete partidos upárono ata a 8ª posición final.

10- UC CEE: Equipo que conxuntaba a xuventude de moitos dos seus membros coa gran veteranía doutros, que foi nun principio un quero e non podo chegar arriba, polo que se asentou no grupo dos equipos que viviron sen problemas. Pero os problemas logo chegan e foise acercando perigosamente na segunda volta á zona baixa, pero soubo reaccionar con solvencia e ocupar a 10ª praza final, pagando un pouco a súa escasa colleita como visitante.
11- UD MONTE LOURO: Volvía á Liga da Costa o equipo loureán e facíao cun equipo moi novo, que tardou en collerlle o pulso á categoría pero axiña se adaptou e, para sorpresa de moitos, asentouse na zona media. Con millo vello foi levando a segunda fase ligueira e só o apertón final dos de abaixo sacou o equipo da súa tranquilidade. Máis que meritorio 11º posto final, para un equipo que tivo no aspecto defensivo e nos partidos lonxe de Louro o seu talón de Aquiles.
12- CAMARIÑAS FC: Principiaron moi ben os camariñáns con vitorias de mérito ante Baio ou Ponteceso, e acabou a primeira volta asentado na zona media, a só tres puntos do San Lorenzo. Pero na segunda volta o equipo resentiuse das baixas e do curto do plantel, e estivo dez partidos seguidos sen gañar que o levaron a acabar a liga metido en problemas. Tan só sumou 11 puntos nesta segunda parte da competición e tivo que suar para non verse envolto nos arrastres.
13- SD BUÑO: Asumiu o equipo oleiro que esta temporada ía pasar problemas e soubo ir sacando puntos nos partidos da súa liga. Con dificultades para marcar goles acabou o primeiro tramo ligueiro fóra do descenso, pero non lonxe del. Estivo de cheo loitando para saír del ata o final da liga, pero sete partidos sen perder no remate da competición permitíronlle alcanzar o 13º posto, un por riba dos postos que marcaban o arrastre de Outes e Sp. Zas.
14- SD CORISTANCO: Equipo irregular no comezo ligueiro, con pequenas xeiras de resultados: perdeu os cinco primeiros partidos, non perdeu nos cinco seguintes, catro máis sen gañar… que fixeron que se situase nos postos baixos. Mellorou na segunda volta, pero non logrou escapar dos postos baixos. Tres vitorias nas derradeiras xornadas colocárono na 14ª posición, que nun primeiro momento supoñía o descenso por arrastre, pero o ascenso do San Lorenzo na promoción permitiulle quedar un ano máis na Liga da Costa. Para romper lendas sobre a dificultade do seu campo, sumou máis puntos como visitante que como local.

16- UD CORCUBIÓN: Volvía o equipo corcubionés á Liga da Costa despois de algúns anos na 3ª, e facíao cun equipo cun gusto polo xogo combinativo pero demasiado feble para loitar en duros compromisos. Fraxilidade defensiva que o mantiveron toda a liga nos postos baixos e dos que non soubo escapar. A segunda volta non mellorou a primeira e lonxe do seu campo era rival doado, polo que non fixo falta agardar ata o remate do campionato para certificar o seu descenso. Pero a súa aposta pola xente nova e o bo xogo pode darlles novos éxitos no futuro.
17- CF PORTEÑO: Cun plantexamento diferente ao do Corcubión, cun campo que non permite moitas florituras, o Porteño calcou os números do equipo corcubionés e acabou sumando os mesmos puntos, cos mesmos parciais nas dúas voltas e os mesmos resultados na casa e fóra. A pesar de conseguir marcar moitos goles para os postos baixos que ocupou, a súa debilidade defensiva fixo que o tivese que pagar co descenso ao remate da temporada.
18- SD LAXE: Despois de proclamarse campión da 3ª a temporada anterior, volvía con moita ilusión o equipo laxense á Liga da Costa. Pero axiña se viu que ía ser un camiño de espiñas, e o equipo relevábase co Baíñas no último posto da clasificación. Pero a segunda volta foi aínda máis desastrosa, con dobre cambio de adestrador que non mellorou a situación. Só sumou 6 puntos neste segundo tramo ligueiro, perdendo os últimos doce encontros. Foi o menos goleador e o máis goleado, e dos escasos puntos que fixo sumou máis como visitante que como local.