Norberto (Lamas, 1993) é da casa, pero non foi ata o primeiro ano de sénior que chegou a este club. Comezou nas categorías inferiores do Sporting Zas, onde competiu en benxamíns de segundo ano e primeiro de alevíns. O segundo ano de alevíns pasaría ás Escolas Luis Calvo, nas que xogou esa única temporada antes de dar o salto ao Bergantiños, onde competiría dende infantís ata xuvenís, ambas categorías incluídas. Foi no club bergantiñán onde loitou nas categorías privilexiadas do fútbol base: en infantís competiría na Liga Galega, en cadetes na División de Honra e, en xuvenís, na Liga Nacional. Veu á casa no primeiro ano de sénior para conseguir un ascenso e converterse nun imprescindible desta xeración.
Como estades levando o parón? Segues as rutinas do Míster?
Pois con este tempo de confinamento intentamos levalo o mellor posible: adestrando, traballando, cociñando e algún viciando e moito nos xogos de ordenador (risas)… cada un coa súa estratexia para entreterse e levalo o mellor posible. A ver se pronto podemos tomar unhas cerveciñas xuntos (risas).
Persoalmente as rutinas do Míster compaxínoas co traballo, coma todo o ano, traballo-entreno (risas).
Como está sendo o grupo na distancia? Estades botando as vosas contas a posibles desenlaces a esta temporada?
Sobran protagonistas para animar o grupo, chega cunha chispa para ter debate de todo tipo (risas), pero si que cada un da o seu punto de vista do desenlace da temporada.
Como resumirías esta temporada? Darías por bo que rematase así?
A nivel grupo creo que temos nivel para estar mais arriba, pero por circunstancias non puido ser. Isto aínda non rematou, e se volvemos seguiremos loitando coma sempre para poder terminar a temporada o mellor posible. En tema de lesións estou contento porque este ano non tivemos lesións graves, para iso xa nos chegou o ano pasado.
Non son quen de dicir o que ten que pasar. Pero penso que se os nenos non van volver ao colexio, nós non deberiamos retomar a competición. Como o fagan xa son decisións dos máximos responsables. Pase o que pase seguro que vai ser o mellor para todos, aínda que ao gusto de todos non vai estar.
Cres que, de reanudarse a competición, iríamos ver resultados ou unha clasificación moi diferente?
Creo que veriamos moitos cambios si, tanto na zona alta como na zona baixa da clasificación. Todo inflúe, o equipo que máis se coide neste parón será o que mellor retome a competición.
Ao igual que os teus compañeiros, ti tamén cres que Manu Santiso é o que máis se está coidando? Ademais del, quen dirías que está esforzándose duro?
Totalmente de acordo, e por encima unha gota de alcohol non a bebe (risas). Bieito tamén lle está dando duro, pero a diferencia é que algunha cerveciña bebe. Mc tamén, pero agora cambiou o adestramento polos bibes (risas). E despois está Peke, que aínda que non suba historias nas redes nin mande fotos, eu sei que lle está dando moi duro tamén (risas).
Manu Santiso envíache unha pregunta: que se sinte ao ser o único xogador deste deporte, de largo, que é mellor xogando coa cabeza que cos pes?
Sabía que me ía tocar a min (risas). Cada un ten que tocar o seu instrumento Manolito, por iso somos un equipo. Ti non vas de cabeza e teño q ir eu, non cortas unha contra e ten que cortala Yago…así é a vida en general (risas).
Faltoume na pregunta “mejor jugando con el yunque que con los pies”, (expresión coruña) (risas).
Que xogador che sorprendeu máis esta temporada?
Pois quedaríame con calquera que chegou esta temporada, porque os demais xa son moitos anos e pouco nos podemos sorprender uns aos outros, aínda que algo sempre hai.
Se tiveras que escoller un…cal sería o teu compañeiro de autobús cada domingo?
A verdade é que me vale calquera, de feito nas viaxes sempre suelo ir saltando de asento en asento para ir compartindo a viaxe con todos, e así “rompéndolle un pouco o collón” como di MC, incluído ó condutor (risas).
Cal dirías que foi o mellor xogador co que cadraches no vestiario?
Pois con moitos, porque todos teñen algo diferente. Pero si que penso que, cos que xoguei, o máis completo en todo é Bieito, aínda que sei o que me espera agora ao dicilo por aquí (risas).
Tamén quería nomear a Martín e a Mario, os vellos. A parte do nivel futbolístico que tiñan, todo o que aprendemos e a sorte que tivemos de compartir vestiario con eles.
Cal é o teu mellor recordo como futbolista? E o peor?
A parte de todo o vivido de neno, o bonito que era (risas), quédome co primeiro ano de sénior. Ao principio de temporada todo pintaba mal, pero ao final con traballo e remando todos no mesmo sentido conseguimos o ascenso a Primeira. Outro tamén foi o título da Liga da Costa.
E o peor, quédome coas lesións. Por sorte non tiven ningunha grave, pero cando tes algo que che impide competir si que sofres, a verdade.
Se tiveras que facer unha pregunta a algún dos teus compañeiros…que lle preguntarías e a quen?
A miña pregunta é para Raphaël Varane de Camafreita. Yago: como levas as tixeiras despois de tanto tempo sen usar? Para a volta, tes pensado afialas ou comprar outras novas?
Para rematar, que mensaxe che gustaría deixar á afección?
Nas gradas do Platas fai moito frío, por iso ten moito mérito que veñan domingo tras domingo animar ao equipo. Dende dentro do campo nótase moito o apoio, e son eles os que empuxan ao equipo cara a vitoria.
Gustaríame nomear tamén a todo o equipo directivo, que tamén son afeccionados pero coa diferencia de que traballan todo o ano para que día a día todos disfrutemos do “noso Baio” . Mentres tanto, eles están pendentes de todo e moitas veces nin poden ver o partido. Gracias a iso e a todos os detalles, todo o mundo que entra no CD Baio “flipa con todo”, e por iso son poucos os que deciden baixar do carro e si elixen seguir loitando por este escudo. E moito menos, unha mala palabra sobre este equipo.
Volveremos, e loitaremos todos xuntos coma sempre para competir e así poder conseguir grandes éxitos para o CD Baio. #xuntosmaisfortes #maisqueunclub