mOito Baio

BUÑO S.D. 0 – C.D. BAIO 8

Partido dos oitavos de final da Copa da Costa que se xogou este venres festivo no Campo de Xaviña, con boa entrada de espectadores, pois unhas duascentas persoas estiveron presentes para ver un choque que non tivo moita historia, xa que o Baio demostrou que era moito equipo para enfrontarse a un Buño con escasos efectivos.

O partido resolveuse aos dous minutos, cando un remate de cabeza de Yago é interceptado coa man por un defensor e aínda que o rexeite o levou ás redes Martín MC, o árbitro sinalizou o penalti e o propio Martín MC encargouse de transformalo e poñer o 0-1 (min.3). O Baio foi o controlador absoluto do encontro ante un Buño que aínda que ía por detrás no marcador estivo sempre pechado atrás, non deixando ocos para as combinacións visitantes. Non estivo moi fino neste período o cadro baiés no último tramo do campo, e non concretaba pases que levasen perigo á meta rival. Aínda así houbo ocasións para marcar, sobre todo nas botas de MC e dun Porti que o intentou en varias ocasións, pero coa puntería desviada. Houbo que esperar á media hora para que un gran control de Martín MC na área, e posterior disparo cruzado á reviravolta, significase o segundo gol do encontro (min.33). Con varias ocasións máis para os baieses, como un cabezazo franco de Norberto, e sen máis goles, chegouse ao descanso.

Mesma decoración na reanudación, co Baio controlando o balón e o Buño agardando atrás, e só os balóns en longo sobre Petís, levaban certo perigo. Pero aos sete minutos, Bieito sentenciaba cun tiro desde a frontal e poñía o 0-3. A partir de aquí o Buño baixou definitivamente os brazos, e o Baio foi unha avalancha simplemente combinando con rapidez. Tres minutos despois Álex Figueiras marcaba o cuarto ao aproveitar o pase da morte de MC, que se fora en velocidade pola banda. E pouco despois chegou o quinto ao aproveitar Iván Rojo un rexeite de Brais. Aínda que non logrou marcar, Porti estivo moi incisivo todo o partido, e unha gran xogada del por banda esquerda acabou cun milimétrico pase cara ao segundo pau, onde apareceu Josiño para marcar a pracer o sexto gol (min. 65). Repetiría Bieito gol ao aproveitar un centro de Iván Rojo, aínda que foi á segunda pois o seu primeiro disparo lograra detelo Brais (min.78). Nos minutos finais tivo o Buño as súas dúas únicas ocasións, pero na primeira Dani salvou un man a man de Petís, e na segunda un libre directo de Rubén sacouno Julián da escuadra en magnífica intervención. E xa rematando o encontro tamén repetiu Álex Figueiras, que recibiu na frontal da área e só tivo que colocala pegada ao pau para poñer o definitivo 0-8 (min.88).

Polo Buño SD xogaron: Brais, David, Pablo Canedo, Alberto (Martin Bazar 54), Rubén, Álex, Jorge Calvete, Fran, Borja Gándara, Juan Antelo e Petís. Polo CD Baio xogaron: Dani (Julián 80), Isaac, Yago, Álex Varela (Álex Figueiras 50), Damián (Pablo 60), Norberto, Peke (Moreno 56), Bieito, Iván Rojo, Porti e Martín MC (Josiño 59). Agora a esperar rival para os cuartos de final, que xa serán a dobre volta, no sorteo do vindeiro luns.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *