Martín: “Grazas Chapista, Pepe de Agosto, Edelmiro e Santi”

Martín Pérez Gómez (Baio, 31 de outubro do 1978) retírase dos campos de xogo despois de case 30 anos dedicados a este club, máis da metade da súa historia. Moitas foron as xeracións coas que compartiu vestiario, e cadran en sinalar que foi un dos mellores xogadores do club e da Costa. Xunto con Mario e Ramón, Martín será recibido este domingo no Platas pola súa afección para render homenaxe a unha das lendas da nosa historia.

Recordas cando comezas a adestrar e a xogar no Baio? Que anos tiñas?

Debín empezar con 9 anos pero non estou seguro porque daquela sempre había fútbol nos colexios. Unha historia que había era Baio de arriba contra Baio de abaixo, que por certo ganaba sempre Baio de abaixo. No Baio de arriba xogaba Capador, Nacho…non me acordo quen máis, e abaixo xogabamos Canillas, eu, Guillermito, Braulio do Acuario….organizabámolo nós e estaba a tope de xente nos colexios. Cando era arriba xogabamos nos colexios, cando era abaixo xogabamos nun campiño que hai de lado da que agora é a Bulla, xunta a de Mira; cando nós xogabamos na casa, campo de herba. E chorabas se perdías. A min chamábanme “Martín chupa-tira-falla” porque chupaba e choraba moito. E por aí foi cando empecei eu no Baio, digo 9 anos pero podían ser 8, porque Javi, Nacho, Diego, Guillermo ou Canillas eran máis vellos ca min e eu ía con eles porque eramos da mesma pandilla por estes partidos. Eu empezaría en infantís con Braulio de Maroño e Jorge de Calabanda. E o Chapista, Edelmiro, Santi e Pepe de Agosto fixeron moito daquela pola xente nova. Íamos 7 no Palas de Chapista xogar a Taragoña, á Baña, Esteiro, Outes…íamos a todos os lados. Meu tío Pepe no 505 levaba outros 7 e Edelmiro no Tempra levaría outros 6, sempre con Juan Luís Guerra. Non había autobús, iamos todos en 3 coches. Foron os mellores momentos da miña vida, non hai cartos que o paguen; a Pepe, Edelmiro e Santiago o Chapista consideroos da miña familia. Por iso non entendo que agora haxa que ter carné para adestrar, porque esa xente hoxe en día non podería facer o que fixo.

E recordas o primeiro partido?

Do primeiro non porque eu daquela cando empecei non tiña a idade, creo que o meu primeiro adestrador fora Braulio de Maroño pero non recordo moi ben. Eu o que recordo é que xogaba sempre nunha idade diferente, sempre era máis pequeno que os meus compañeiros porque non había outra cousa, tiñas que xogar cos que había.

E o primeiro gol recórdalo?

Non

O primeiro título?

Diso si, en categorías inferiores eramos uns fenómenos. Gañamos infantís, cadetes, xuvenís…fases de ascenso…o que pasa é que había sempre unha manía: na primeira volta arrasabamos, ao Bergantiños comiámolo sempre, pero na segunda volta fichaban, iso era matemático; dos 10 aos 15 anos foi sempre así. Gañabamos nós sempre, senón marchabamos cabreados chorando e viña a xente consolarnos.

Tiveches algún futbolista como referente pola súa forma de ser ou xogar?

De pequeno o meu ídolo era Arconada e poñíame porteiro, o meu primeiro traxe foi de Arconada. Foi sempre o meu ídolo. Logo sempre me gustou moito Schuster pero cambiou para o Madrid e xa nada, e despois Kiko Narváez, sempre me gustou.

Que recordas dos primeiros anos? Tamén ías ver os sénior?

O mellor que recordo é que iamos ver os xuvenís ao Balsiño no camión grúa de Santiago do Chapista, co detalle que sempre nos levaba mazáns no salpicadero. Tamén recordo gañar unha liga no Balsiño nos primeiros anos, quentaba Lolo o pote e era o máximo que había, os mellores partidos da miña vida foron no Balsiño cara arriba. Cara abaixo era herba e cara arriba era gravilla. E nos gañabamos todos os partidos cara arriba.

Quen son os primeiros xogadores que recordas do Baio sénior?

Recordo adestrar un día cos maiores, era Manín o seu adestrador, e despois cunha carreta tivemos que recoller as pedras todas do Balsiño. E íamos recoller as pedras encantados. Xogaban Braulio de Maroño, Jorge de Calabanda, Marcos de Elías, Javi Díaz, Santi Nuñez…

Non te fixaches en ningún deles como referencia?

Era moi pequeniño e non me fixaba pero canto disfrutaba, o campo a tope…

Saberías calcular cantos partidos, goles ou títulos acumulas con esta camiseta?

Nin idea, dende os 9 anos. Marchei un ano e medio para o Nantón e o resto xoguei case todos os partidos, lesións graves nunca tiven…

Nin recordas o número de títulos?

Títulos arriba poucos, cando eu era rapaz o Baio arrasaba e non lle deixaban participar na Copa da Costa. Nós tivemos moitos anos en Primeira Autonómica, eu xoguei moitos partidos aí. E en categorías inferiores gañeino todo: infantís dúas veces, cadetes unha, xuvenís dúas e sénior, a liga deste ano pasado nada máis. Despois participei na Liga que gañou Moncho Varela en Primeira Provincial, pero era xuvenil e xoguei un partido ou dous.

Ao longo de todos estes anos compartiches vestiario con moitas xeracións. Cal dirías que foi o mellor xogador co que cadraches?

Nunca me baseei en quen era mellor ou quen era peor, sempre xoguei no equipo da miña vila, que iso para min é o mellor que existe. Pero a persoa coa que máis disfrutei xogando foi Gerardo e sería inxusto non recordalo. Con el pasei moitos momentos: ía con el o sábado ver o fútbol a todos os lados, domingo xogar, pola semana tantos momentos…e dabámoslle voltas e voltas. Seria inxusto non recordar a Gerardo.

E adestrador?

Félix e Pedro devolvéronme a ilusión polo fútbol e con Chema Rivadulla, ao igual que con Edelmiro e Santi, foron cos que mellor rendemento tiven, cando eu xogaba con eles andaba no aire, foi a mellor versión futbolística de Martín. Pero se con alguén teño que quedar é con Santi e Edelmiro, e persoalmente con Santiago do Chapista e meu tío Pepe de Agosto. Porque non me podo esquecer o que fixo esa xente por nós.

Quen dirías que foi o teu mestre? Quen fixo a este Martín?

Santiago Chapista e meu tío Pepe de Agosto foron os máis importantes, o que fixo esa xente pola xente de Baio. E dígocho por Guillermo, Nacho, Diego de Anos…eles xogaron por aí grazas a eles, iso non o pode esquecer ninguén.

E rivais? Houbo alguén con quen che gustaría ter compartido vestiario?
Non, eu xoguei con Santi Bomar…e coa mellor fichaxe da historia do Baio que é Adrián de Cerqueda. Por todo o que fixo, ó fin e ó cabo non é só xogar ben, son moitas cousas. O que fixo ese home non llo vin facer a ninguén: veu xogar co sogro morto. O compromiso dese home non o tivo ninguén.

Cal é o teu mellor recordo como futbolista?

O meu mellor recordo é sempre xogar no Platas Reinoso todos os domingos, iso non hai cartos que o paguen, é o mellor recordo que hai.

O peor?

Cando perdía non durmía, cando gañaba non durmía…dáballe moitas voltas ás cousas pero iso vouno botar moito de menos. O peor recordo sen dúbida foi cando morreu Marcos de Núñez, eramos xuvenís de último ano e el xogaba con nós. Morreu un domingo que estabamos no Platas vendo o fútbol na grada. Sabiamos que tivera o accidente pero alí dixéronnos que morrera.

Algunha anécdota que te marcase especialmente?

Anécdotas moitas. Unha simpática: unha vez iamos xogar á Coruña no Palas de Chapista Iño, Pablo de Abella, eu e non recordo quen mais viña no coche, íamos á Torre xogar o torneo Teresa Herrera. Non había autopista e en Carballo saíunos un coche e dou marcha atrás. Chapista no taller facía coches e mesturaba marcas, e ao ver a maniobra fixo un volantazo para esquivalo e apagouse a radio só con iso, pero ías con catro coches nun…teño un lote de anécdotas e momentos bonitos, e eses son os que máis botas de menos.

Que é o primeiro que che ven á cabeza cando miras para atrás?

Cando ganabamos os partidos en xuvenís e iamos sempre tomar as cervezas ao Rueiro con Ruben, Gavín, Fetucho…eso si que eran momentos felices!

Tiveches moitas ofertas ou tentacións ao largo da túa carreira?

Non, ofertas ningunha, eu marchei do Baio porque non xogaba. Daquela era unha etapa difícil na que non se valoraba tanto aos da casa e Edelmiro ofreceume ir para o Nantón e fun. Eu tamén estaba nunha etapa mala e no Nantón aprendín a valorar o que tiña e o que non. O Baio estaba en Preferente con Bardanca e eu quería xogar, pero ao ano e medio volvín.

E por que volviches?

Porque colleu o equipo Espasandín, tiña gana que volvera e eu quería volver. Creo que o adestrador fora Antonio Fernández pero non recordo agora, despois volveu Edelmiro e quedamos dous anos segundos ou terceiros, fixeramos moi boas temporadas en Primeira. Eses foron os meus mellores anos, era onde eu marcara vinte e pico goles cada temporada, despois colleu o equipo Chema Rivadulla e aí foi cando chegamos a dúas finais de Copa seguidas.

Sempre fuches feliz xogando ao fútbol ou nalgún momento tiveches tentacións de deixalo?

Sempre, é mais, aínda o son, deixeino porque tiña que deixalo senón podía seguir xogando.

Nunca tiveches malos momentos no Baio?

Non, nada. Unicamente malos momentos de perder, de ir chorando para casa ou ir cabreado, pero iso é o que boto de menos, esa adrenalina. Para min o máis bonito do mundo é xogar no Platas, iso non hai cartos que o paguen.

Sempre te sentiches querido pola afección?

A min déronme paos por todos os lados: que non corría, que non metía o pé…teño marcado goles e seguirme berrando. É mais, ao que me berrou entendoo. Pero sentinme querido, iso é o bonito do fútbol.

Por que te retiras agora? Non consideras que pola túa forma podías seguir un par de anos?

Non, ao final os anos están aí, e teño dúas nenas que dan traballo. Díxeno antes do verán pero coa esperanza de que secadra podía seguir, pero non podo. De feito quedei de ir adestrar ou meterlle unha man a Pablo pero non podo, é imposible, hai que sacar tempo para as nenas. Pero eu claro que quería seguir, eu encóntrome xenial.

Como é un verán sen pretemporada? Xa che dou tempo a botalo de menos?

Non o boto de menos porque non teño tempo. Fun tres días adestrar e ata me da rabia porque lle dixen a Pablo que iría, pero non hai maneira. Seguramente cando empecen os partidos da casa, máis. Como non vou botar de menos aos meus compañeiros! Moito.

Gustaríache seguir vinculado ao fútbol noutras facetas?

É difícil, agora para ser adestrador hai que sacar o carné, é unha cousa que non entendo polo que dicía de Chapista, meu tío Pepe, Edelmiro…non poderían adestrar porque non teñen carné, e o que fixeron eles non o vai facer ninguén. Este verán non, pero collería os xuvenís do Baio encantado. Pero título non teño, nin tempo para sacalo.

E directivo?

Claro que me gustaría, pero gustaríame estar cos rapaces, ser adestrador, ou delegado…algo, é unha excusa para seguir ligado ao Baio e seguramente o faga, aínda que non sei o que. Pero agora mesmo é imposible.

Como ves o futuro do Baio e do fútbol da Costa en xeral?

Ben se ve, teño unha filla de 8 anos e os seus compañeiros do colexio non xoga ningún ao fútbol. É moi difícil pero entendo que o frustra a xente dende arriba coas súas normas para levar uns nenos xogar de aquí a Laxe. Unha por non haber nenos, e outra porque agora porque tes que pasar moitos requisitos para calquera cousa.

Cambiou moito de cando ti empezaches, non?

Fai 30 anos faciamos partidos de 6 ou 7 equipos solo de Baio, botabas desde as 2 da tarde ás 10 da noite. Pero iso sería aquí, en Corme, Malpica…en todos os lados.

Que futbolista consideras un exemplo para as novas xeracións?

Futbolista ningún, que se fixen en Navarro: con poucas cousas saíu un fenómeno.

E adestrador?

Guardiola é un fenómeno con diferencia do resto, pódeche caer mellor ou peor, pero vén de volta.

Puideches ver o equipo na pretemporada? Mellor ou peor do que esperabas?

Vinlle catro partes porque tiven que marchar. Vino moi ben, gustoume moito e aparte fun adestrar con Pablo e gustoume a idea que ten, un tío traballador, as ideas claras…gustoume moito. E recuperamos a Javi, que despois de Adrián é o segundo mellor fichaxe da historia do Baio, e con Iván, Mc e Santi arriba temos un equipazo. No medio igual, e se Bieito está ben…e atrás gustoume moito Damián e Álex, Álex gustoume moitísimo. Norber vaille dar moito carisma, Rubio este ano vaise ver…a min gustoume moito o Baio, moito.

Non cres que se acusará o exceso de xuventude?

Non, os equipos hoxe en día, quitando dous ou tres, son todo rapaces novos e os nosos levan moitos anos xogando a pesar da xuventude: Fedello, MC, Fachal, Norberto vén de volta…

Como prognosticas que será a nosa temporada? Cal cres que debe ser o obxectivo?

Non creo que suframos coma o ano pasado, eu vinos adestrar e seguramente esteamos da metade para arriba. Pero o obxectivo é sempre estar o máis arriba posible; se podemos estar en Preferente, en preferente; se podemos Terceira, en Terceira.

Para rematar, que mensaxe che gustaría deixar á afección?

Só lle pido que non se esquezan dos que traballamos polo Baio. Teño tanto que dicir! Grazas a todos e perdón a aquela xente á que lle faltei ao respecto, non era a miña intención; eu son moito de falar e logo arrepíntome na casa. E despois, sobre todo, dar as grazas a todos os que se portaron ben comigo. Grazas Chapista, Pepe de Agosto, Edelmiro e Santi, porque traballaron moitísimo e levaron a todo o mundo para arriba, grazas a eles Nacho está no Deportivo, Guillermo foi por aí xogar…e os que non fomos quedamos aquí e tan felices. A miña felicidade era xogar en Baio e que me viran os meus amigos; para min xogar no Platas era o día mais feliz da miña vida.

Que foi o Baio para ti?

Levo desde os 9 anos e teño 40. Despois da familia é o máis importante que teño.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *