Julián Fuentes (Baio, 1999) causará baixa no club da súa vida por primeira vez dende que comezou a xogar ao fútbol. O fillo de Suso do Perrechudo, directivo ata a pasada temporada, irá estudiar a Italia coa beca Erasmus. Comezou nesta familia con tan só 5 anos, cando adestraban no antigo patio de area xunta o pavillón dirixidos por Marcos de Elías e Santi Soneira, actual colaborador do club coas imaxes dos partidos.
Segue en pé o de ir estudiar a Italia este curso ou por causa do COVID aínda te veremos por Baio unha temporada máis?
Si, as mobilidades continúan todas en pé sen novidade, con algunha restrición pero espero que a experiencia sexa igual de satisfactoria a pesar diso.
Como resumirías esta temporada a nivel grupal e persoal? Cres que foi boa ou que se podía conseguir máis de non interromperse pola pandemia?
A nivel grupal penso que non fixemos o que tiñamos que facer, había bo grupo pero os resultados, polo que sexa, non acompañaron. A nivel persoal, a peor non puido ir, pero son cousas do fútbol. En canto á pandemia, penso que o papel na Copa da Costa ía ser importante, nunca se saberá pero esa dúbida queda aí.
Que xogador che sorprendeu máis esta temporada?
Eu diría que Braian. Coñecíao de xogar contra el cando estaba no Coristanco pero sorprendeume o seu compromiso xogase onde xogase, xa fose extremo, media punta, lateral… e que fose quen de render sempre, facía o que lle mandaban sen rechistar e a correr.
A quen lle poñerías as pilas?
A Carlitos, ten moito que demostrar. É moi bo xogador, ten moitas cualidades e, se o da todo e o demostra, ten capacidade de sobra para chegar a onde se propoña.
Cal dos teus compañeiros cres que se está coidando e adestrando máis de cara á próxima temporada?
MC, non hai dúbida. Entre a paternidade e a pandemia deixou un pouco de lado eses malos hábitos que tiña e agora parece que vai coma un avión (risas).
Pola contra, quen dirías que lle vai costar máis poñerse en forma despois de tantos meses de parón?
Eu quéroo moito, pero Peke non creo que fose correr moito cando o goberno deixou saír.
Se tiveras que escoller un…cal sería o teu compañeiro de autobús cada domingo?
Ou Sergio ou David Mohedano, son os meus amigos tamén fora do fútbol e con eles sempre estou cómodo falando do que sexa ou mesmo sen falar, non me desagrada estar horas con eles nun bus.
Vendo os cambios que houbo no club, atréveste a prognosticar como será a nosa próxima temporada? Cal cres que debe ser o obxectivo?
Vou nomear a Chino. Como el dicía sempre, o obxectivo é salvarse. Eu creo que non se pode marcar outro obxectivo e, a partir de aí, todo o que veña é bo, non te podes queixar mentres cumpras iso. Pero bueno, que unha Copiña da Costa tampouco estaba mal.
Despois de desenvolver toda a túa traxectoria deportiva no Baio…cal dirías que foi o mellor xogador co que cadraches no vestiario?
Non teño dúbida, é Sergio. Empezamos xuntos, aínda que el chegou 5 minutos tarde; fun do Baio 5 minutos máis ca el. Estivemos toda a vida un de lado do outro, vino medrar e podo dicir que é o mellor xogador co que xoguei, non dubido que co paso do tempo se me vai dar a razón.
Mellor adestrador?
Tiven bos adestradores, tanto no persoal coma no futbolístico: Fredi, Pastoriza, o ano de MC e Bieito…pero creo que me quedo con Julio Vila. Axudoume moito a min persoalmente e creo que a súa etapa nos fixo medrar a todos bastante, tanto como grupo como individualmente.
Algún rival co que che gustaría ter compartido vestiario?
Marcos Mouro, sen dúbida. A pesar de que agora é dos meus mellores amigos porque vivín con el, cando xogabamos contra el a min dábame moita rabia porque o cabrón levábanos dúas cabezas a cada un e, como é lóxico, non había forma de paralo. Batía e batía, tiraba e marcaba e, despois, viñamos con 12 a 1 quentes para casa.
Cal é o teu mellor recordo como futbolista?
Chegar a liguiña de ascenso en xuvenís de primeiro ano. Para min foi un ano tremendo en todos os sentidos: xogabamos ben, había moi bo rollo nos vestiarios e os resultados acompañaban. Eu pensei que íamos facer algo grande na Copa da Costa ese ano e, no partido de volta contra o San Lorenzo, viñamos con vantaxe de gañar en Baio e tivemos varias baixas. Eu non puiden ir, pero tampouco Luís Eiroa, Estefan…déronse unhas situacións complicadas e chafóusenos todo. Pero bueno, esa temporada con Julio foi incrible para min.
Sempre fuches feliz xogando ao fútbol ou nalgún momento tiveches tentacións de deixalo?
As tentacións de deixalo aparecen sempre. Onde máis o pensei e case o fago, porque foi bastante duro, foi na temporada creo que 16/17, o ano que os sénior gañaron a Liga da Costa. En xuvenís recibín un trato bastante inmerecido, paseino mal na casa todos os dias, eu ía adestrar igual e ninguneábaseme, os meus pais pasábano peor aínda…pero o tempo puxo as cousas no seu lugar e puiden seguir adiante xogando cos meus amigos.
Que espiña ou meta che gustaría ter conseguido co CD Baio?
Un título nas categorías inferiores. Houbo etapas nas que o grupo que había para xogar merecía conseguilo e por calidade non era pero, entre as circunstancias e a sorte que non acompañaba, era bastante frustrante dicir “este ano si” e ó final nada.
Retomando as entrevistas que fixeramos durante o confinamento, Rubio enviárache unha pregunta: “cando acabe o confinamento e se poida saír de festa, ides seguir quedando na casa os fin de semana? (risas)”. Como foi ó final?
Rubio, empezamos fortes pero tivemos que relaxarnos que o bicho non quedaba na casa tampouco e houbo que baixarlle unha marchiña.
Se tiveras que facer unha pregunta a algún dos teus compañeiros…que lle preguntarías e a quen?
Braian: agora que vas vivir para Santiago, como afectará o ocio nocturno e a túa vida diúrna tamén no teu fútbol e na vida futbolística?
Volveremos contar contigo cando remates os teus estudos en Italia ou tes tentacións de deixar o club dos #OneClubMan?
Nunca se sabe, queda moito para iso. Moitos factores, circunstancias…non se pode dicir nada porque todo pode pasar.
Para rematar, gustaríache deixarlle algunha mensaxe á afección?
Que animen, que vaian ós partidos que sempre da gusto ver as gradas cheas. Que apoien á xente da casa que son os que máis traballan, e que apoien tamén á directiva, que levan un traballo invisible máis duro do que pode parecer e son os que ó final máis se critican.