Gañarémoslle por fin ao Val do Ulla?

A Historia

O domingo o CD Baio viaxa ata Boqueixón para xogar fronte ao Val do Ulla UD, club de Santa Cruz de Ribadulla, que comezou a competir na temporada 2007-08. Empezou como é habitual nesta época na 3ª Autonómica, categoría na que estivo tres campañas, ata que o subcampionato da temporada 2009-10 serviu para que ascendese á 2ª Autonómica. Aquí estivo tres campañas nos postos medio-altos, pero na 2013-14 foi subcampión do seu grupo e xogou a liga de ascenso contra o Sofán e o Sálvora, e pola golaveraxe non logrou o ascenso en beneficio do Sofán. Si o conseguiu na temporada 2014-15, na que se proclamou campión de liga e ascendeu á 1ª Autonómica. Boa temporada nesta categoría na 2015-16, na que rematou cuarto, pero o 14º posto colleitado na 2016-17 supuxo o seu descenso polos arrastres. Na temporada 2017-18 volveu proclamarse campión e de novo subiu á 1ª Galicia, na que logrou manterse na pasada campaña logo dun bo final de liga. En total, son 13 as temporadas que leva en competición, con tres delas na 3ª Autonómica, seis na 2ª Autonómica e esta é a cuarta na 1ª Autonómica semiprovincial. Os seus títulos son os dous campionatos ligueiros da 2ª Autonómica (2014-15 e 2017-18).

Esta é a terceira temporada na que coinciden os dous conxuntos, as tres na 1ª Autonómica. A primeira foi na temporada 2015-16, e o 25 de outubro de 2015 o equipo vedrense visitaba o Platas Reinoso, con vitoria visitante por 0-1. O partido disputado no Coto tivo lugar o 28 de febreiro de 2016 e o Val do Ulla volveu gañar por un contundente 4-0. A temporada pasada o Val do Ulla logrou vencer pola mínima no seu campo (3-2) e tamén se impuxo na volta no Platas Reinoso (1-2). Polo tanto, nos catro partidos disputados o cadro da Ulla conseguiu a vitoria en todos eles, con 10 goles a favor e 3 en contra.

O partido do domingo

O Val do Ulla UD preséntase na actual campaña coa dificultade de non poder xogar no seu campo, polas obras de cambio de céspede que se están alongando máis da conta. Deste xeito, só xogou tres partidos como local e isto pode estalo pagando na clasificación. Tamén os cambios no plantel poden ter a súa influencia, pois só se manteñen 7 xogadores do primeiro equipo, aos que hai que engadir tres que xa estaban no equipo B. Seis fichaxes completan o cadro de 16 xogadores cos que conta agora o míster José Manuel Neira: o porteiro Bece (Zona Vella), Denís (Estudiantil), Cristian Cañas (Dodro), Guille (Villestro), Diego López (Racing San Lorenzo) e Cabada (Cacheiras).

Ata o momento foron utilizados 21 xogadores, 14 deles do primeiro equipo e os outros 7 do equipo B, que milita na 3ª Autonómica. Catro xogadores foron titulares en todos os encontros, con Jacobo xogando todos os minutos, e Bece, Julio Souto e Denís, practicamente tamén. Adrián Barrio, áelx Neira e Franqueiro foron titulares nun partido menos, e Gonzalo saiu de inicio en oito encontros. O xogador do B, Nando Aldrey, e Guille tamén foron titulares na maioría dos encontros. David Calvo, Cristian Ingelmo, Miguel Arén e Marian repártense o resto de saídas no once. Menos minutos tiveron Álex Braña, Diego López, Emmanuel, Canabal, Adrián Fernández e o porteiro Daniel Bao.

Actualmente o Val do Ulla UD ocupa a última posición, con 6 puntos. Leva unha vitoria e tres empates, con 6 derrotas, con 12 goles a favor e 24 en contra. Como dixemos o equipo só xogou 3 partidos como local, dous deles no Campo do Forte e outro no de San Mamede. Nos dous primeiros vitoria fronte ao Soneira (2-1) e empate contra o Unión (2-2), para colleitar unha contundente derrota no último fronte ao Lalín (1-4). O seu máximo goleador é Jacobo, con tres goles, seguido con 2 por Ingelmo, Gonzalo e Miguel Arén, mentres que levan 1 Cañas, Julio Souto e Franqueiro.

PRIMEIRA GALICIA – GRUPO 2

VAL DO ULLA U.D. – C.D. BAIO

Domingo 17 de novembro; 16:00 horas.

Saída de Baio ás 13:45 horas.

Campo: O Forte (Boqueixón).

Árbitro: Carlos Villaverde Mogo.

Asistentes: Adrián Ponte Aponte / Sergio García Otero.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *