Gañaremos por fin en Ribeira?

A Historia

O domingo o CD Baio viaxa ata terras barbanzás para enfrontarse ao Atlético Ribeira no pequeno campo da Trindade, na parroquia de Oleiros. O At. Ribeira é un club fundado en 1968, que celebra coa actual a súa temporada 52ª, e que comezou a súa andadura no grupo do Barbanza da Liga do Sar na campaña 1968-69, e catro temporadas despois lograba o ascenso á Preferente, na que botou un ano, para volver á Liga da Sar de novo só unha temporada. Na 1974-75 xogaba na Preferente e nesta categoría botaría cinco anos ata que logra o ascenso á 3ª División. Outras cinco campañas na categoría nacional (da 1979-80 á 1983-84), para volver ao seu terreo natural que era a Preferente, na que botaría as seguintes nove campañas. Na 1993-94 xoga na 1ª Rexional provincial, e igualmente nas seguintes seis temporadas, logo das cales volve á Preferente. Cinco temporadas máis na división biprovincial, para volver caer á 1ª Rexional, na que está tres anos antes de descender para a Liga do Sar. Dúas campañas na liga local do Barbanza e volve á 1ª Autonómica e outras dúas tempadas despois volve á Preferente. Da 2013-14 á 2015-16 xoga na Preferente, para descender de novo á 1ª Autonómica, onde xoga na 2017-18. Pero o descenso lévao a xogar na 2ª Galicia na 2018-19, proclamándose campión e ascendendo de novo á 1ª Galicia. En definitiva, o At. Ribeira leva disputadas 8 temporadas na Liga do Sar, 5 na 3ª División, 23 na Preferente e coa actual son 16 na 1ª Rexional. Neste tempo conseguiu 5 Ligas do Sar (1968-69, 1971-72, 1973-74, 2010-11 e 208-19), 1 liga da 1ª Rexional (2000-01) e 1 liga-da Preferente (1978-79); así como 1 Copa do Sar (2010-11), sendo finalista na temporada 1969-70.

Esta será a décima temporada na que coincidan os dous conxuntos. Das nove anteriores, cinco foron na Preferente e catro na 1ª Rexional. O primeiro enfrontamento tivo lugar o 23 de setembro de 1984, no campo da Fieiteira, e encontro finalizou en empate (2-2), tras igualaren os baieses dous goles en contra. A igualada mantívose nas dúas seguintes visitas do Baio ao campo ribeirense (1-1 e 0-0), para perder polo mesmo resultado (1-0) nas dúas últimas confrontacións na Preferente. Os seguintes enfrontamentos foron na 1ª Rexional provincial, o primeiro deles na temporada 1994-95, e o Baio, que sería campión de liga, só puido sacar un empate sen goles da Fieiteira; tamén empatou na 1999-2000, neste caso 2-2, e na seguinte campaña o At. Ribeira impúxose por 2-1, nunha temporada na que acabou co liderato. A última vez que cadraron foi na 2017-18, na 1ª Autonómica semiprovincial, e os ribeirenses volveron vencer por 2-1. En resumo, nove visitas do Baio a Ribeira, onde nunca conseguiu gañar pero sacou cinco empates, con catro derrotas pola mínima nos outros. Nas estatísticas xerais hai lixeira vantaxe do Baio, por canto en campo baiés case sempre saíu triunfante o cadro local.

O partido do domingo

O At. Ribeira volveu esta temporada á 1ª Galicia despois dunha gran campaña anterior, na que se impuxo con claridade no seu grupo da 2ª e logrou o ascenso con relativa facilidade. Mantén o bloque da pasada campaña, con ata 16 xogadores que continuaron e seis fichaxes para un plantel que adestra Roi Fresco, o mesmo que levou ao At. Ribeira xuvenil ao ascenso á Liga Galega hai dúas temporadas, e dos xogadores que compoñían este equipo hoxe están 12 no primeiro equipo. Xunto a eles, xogadores máis experimentados, como o meta Sergio, Esteban, Cameán, Treus, Adam ou Joseíño. No capítulo de novidades destacan a volta de Juan Rial (Puebla) e Nacho (Sálvora), xunto coas fichaxes de Álvaro (At. Oleiros), Saborido e Fer Millán (Xuventú Aguiño) e Torres (sen equipo). Iniciada a temporada contaron coa baixa de Adrián Suárez.

Ata o momento foron utilizados 22 xogadores, todos eles sénior, das 21 fichas coas que conta agora tras a baixa referida. Tan só o defensa Esteban foi titular en todos os partidos, un menos saíron de inicio o porteiro Adrián, Adam e Joseíño. Cameán e Christian Lojo foron titulares en 10 partidos e Juan Rial en 9. Yago Rivas, Torres, Álvaro, Saborido, Nacho, Miguel ou Pedro Pérez tamén contaron con moita participación, mentres que tiveron menos minutos Tato, Pablo Lijó, Fer Millán, Sergio, Brais e Juan Noya.

Actualmente o At. Ribeira ocupa a 12ª posición, con 13 puntos. Leva tres vitorias e catro empates, con 5 derrotas, con 14 goles a favor e 22 en contra. Curiosamente, sacou máis puntos como visitante que como local, pois na casa só sumou 6 puntos nos seis partidos que disputou: Negreira (2-3), Esclavitud (0-0), Soneira (1-2), Praíña (1-1), Unión (4-1) e Lalín (2-2) -os cinco primeiros xogounos na Fieiteira e o último na Guía (Carreira)-. A pesar de só gañar un partido como local, aquí suma 10 goles a favor por 9 en contra. O seu máximo goleador é Yago Rivas, con 4 goles, seguido por Adam e Christian Lojo, con 2, e suman 1 gol Esteban, Joseíño, Juan Rial e Pedro Pérez; os outros dous que faltan foron logrados en propia meta.

PRIMEIRA GALICIA – GRUPO 2

AT. RIBEIRA – C.D. BAIO

Domingo 1 de decembro; 16:15 horas.

Saída de Baio ás 13:30 horas.

Campo: A Trindade (Oleiros).

Árbitro: Roberto Couñago Ricón.

Asistentes: Mario Sanín Seoane / Paula González Pombo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *