Faltou pechar o partido

C.D. BAIO 1 – C.D. LALÍN 0

Tarde de sol primaveral no Platas Reinoso este domingo que levou ás bancadas a bo número de afeccionados, que viron un partido disputado e competido, e que tivo emoción ata o final pois o Baio non soubo pechalo ao malgastar as varias ocasións claras das que dispuxo. Aínda así, deu mostras de equipo solvente que soubo contrarrestar o xogo rival, e estivo moi serio na parte defensiva non concedendo oportunidades ao seu rival. O CD Lalín deu mostras do seu potencial, e a pesar das baixas deixou sensación de bo equipo, coas ideas claras, pero faltoulle algo máis no último tramo do campo.

Principiou o partido co Baio intentando levar o control do xogo, e non podía facelo de mellor maneira pois aos cinco minutos chegou o gol, que ao final foi o definitivo, tras un centro de Martín MC ao segundo pau, que encontrou a Bieito libre de marca, e o seu cabezazo consegue despexalo Penela, pero o propio Bieito aproveita o rexeite para marcar de tiro cruzado. Puido incrementar a renda o cadro baiés por medio de Martín MC, cun tiro desde a frontal que desvía a córner Penela, ou na máis clara, nun córner botado por Álex Figueiras, que chega ao segundo pau, e MC, que non contaba co erro defensivo, máis que rematar rebótalle o balón nas pernas e vaise a rentes do pau. O Lalín intentábao con xogo directo sobre o dianteiro Rucho, pero con pouco éxito, pois non lograba darlle continuidade á xogada. Estivo ben o Baio na chegada por banda, co desdobramento dos laterais, sobre todo por parte de Porti, pero os seus centros non atopaban rematador que enviase o balón á rede.

Na reanudación quixo saír o Lalín máis arriba, buscando o gol do empate, tendo máis a posesión do balón, pero o Baio pechou moi ben as liñas e aproveitaba unha e outra vez para contraatacar.  Tivo dúas boas oportunidades Martín MC con lanzamentos desde a frontal que fixeron lucirse a Penela, e tamén Iván Rojo, tras bonita diagonal e pase de MC, pero o seu disparo foise fóra. Pero a máis clara estivo na cabeza de Norberto, que rematou un córner completamente só na área pequena pero o balón petou no traveseiro cando xa se cantaba o gol. O Lalín, a pesar de manexar máis minutos o balón, non chegaba con claridade á área, e todos os seus intentos eran disparos desde a frontal que non lle causaban moito problema a Dani para atallalos. Coa emoción do marcador axustado, os minutos finais tiveron máis emoción que ocasións, e chegouse ao remate coa vitoria mínima do cadro local, que o asenta nesa cuarta praza, con máis vantaxe sobre os perseguidores, pero a igual distancia co trío cabeceiro.

Polo CD Baio xogaron: Dani, Isaac (Moreno 71), Norberto, Peke, Porti (Josiño 89), Álex Figueiras, Bieito, Rubio, Iván Rojo (Damián 66), Santi Díaz (Sergio 81) e Martín MC. Polo CD Lalín xogaron: Penela, Ferreiro (Jordi 46), Tibu, Jorge Rodríguez, Gómez, Guille (Cubi 66), Xocas, Rubén García, Ernesto, Rucho e Boyan (Eloy 76). A vindeira semana haberá derbi, coa visita que temos facer ao Ara Solis para enfrontarnos á intratable SD Fisterra.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *