Falta o gol

C.D. BAIO 0 – BERTAMIRÁNS FC 1

Pouca xente no día da feira en Baio, con apenas 150 espectadores no Platas Reinoso para ver o partido entre o CD Baio e o Bertamiráns FC, que non deparou un gran xogo para os espectadores, con moito centrocampismo e escasas ocasións. O equipo local segue sen marcar no que vai de temporada e isto acábao pagando ante rivais que aproveitan o balón parado para facer dano, algo moi habitual nesta categoría.

No primeiro tempo tivo o Baio a súa mellor ocasión nun balón en profundidade de Martín cara a Santi Díaz e este intenta a vaselina ante a saída do porteiro Pouso, pero o balón vaise por riba do traveseiro (min.7). A partir de aquí o xogo foise diluíndo, e foi no tramo central cando o Bertamiráns se achegou con perigo á meta de Fedello, por medio do ex do Lamela Pinaque, que lanzou un disparo desde a frontal que se foi fóra e logo cun cabezazo que batu na trabe. Pero foron só dous lostregazos nun aburrido primeiro perído.

Tampouco mellorou a cousa tras o descanso, aínda que o Baio intentou ir máis arriba na busca do gol, e quen case o aproveita é o Berta por medio de Julito, que se plantou ante Fedello pero este aguantoulle moi ben e rexeitou o disparo (min.55). Puido adiantarse o Baio nunha dobre oportunidade dos seus dous centrais, pero primeiro Norberto e despois Yago encontráronse con Pouso (min.67). No tramo final quen máis o intentaba era o Baio, pero quen tiña as ocasións eran os visitantes, como unha de Sergio que se aproveita dunha indecisión entre porteiro e defensa local para meter a punteira e o balón sae fóra por pouco (min.75). E nunha contra do Bertamiráns é cortada en falta por Norberto, e o libre directo aprovéitao moi ben Pinaque para poñer o 0-1 no marcador e levar os tres puntos para Amaía (min.80). De aquí ao remate intentouno o Baio con máis corazón que cabeza pero a defensa estaba moi segura e non concedeu ningunha ocasión.

Un punto sumado en tres partidos disputados colócannos no último posto da clasificación, botando de menos a presenza da dupla de dianteiros da temporada pasada para volver reencontrarse co gol. Haberá unha nova oportunidade o vindeiro domingo en Tordoia.

Ficha do partido da FGF

O RESTO DA XORNADA

O partido máis interesante da terceira xornada disputábase no Cortizo entre dous dos invictos, pero non tivo historia porque o Lalín impúxose ao Unión con claridade, no único encontro que se resolveu por máis dun gol, e con  un Richi, que cun dobrete segue marcando diferenzas. Outro que perdeu a imbatibilidade foi o Flavia, que perdeu na súa visita a Agolada, un gol do killer Aitor. Agora é segundo o Piloño, grazas á súa sufrida vitoria sobre o At. Ribeira, logo que este igualara en cinco minutos unha desvantaxe de dous goles. Xunto con Lalín e Piloño o terceiro equipo que segue invicto é o Cordeiro, que tras dous empates consegue unha vitoria pola mínima ante un San Lorenzo que non coñece a vitoria. Sufriu o Puebla para impoñerse ao ascendido Chaián, e tivo que esperar aos minutos finais para culminar a remonta cun penalti convertido por Pape. Moitos goles no enfrontamento entre Bastavales e Silleda, no que os locais lograron igualar por dúas veces a vantaxe visitante, pero un gol no desconto de Ricardo deulles a vitoria aos silledenses. Quen non carbura neste inicio é un dos favoritos, o Sigüeiro, que segue sen gañar e nesta xornada empatou na visita do Tordoia. Por último, temos que falar do derby da Costa entre Fisterra e Soneira, que se resolveu a favor dos visitantes cun gol en propia meta de Robertín.

A vindeira xornada traeranos un interesante Flavia-Puebla, entre dous dos chamados a estar arriba, como o poden estar os protagonistas do Soneira-Sigüeiro. E dous derbys podemos presenciar esta semana: no Deza, o Silleda-Piloño, e na Costa, o San Lorenzo-Fisterra, no que os dous buscarán a súa primeira vitoria. O líder Lalín visita Augas Santas para enfrontarse ao Chaián.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *