Falecemento do ex-adestrador Jesús Trigo

Temos que facernos eco dunha noticia luctuosa que pasou por alto co principio da temporada e coas festas baiesas, como foi o falecemento do ex-adestrador do CD Baio Jesús Trigo o pasado 1 de setembro, cando contaba con 90 anos de idade (na foto, o segundo pola dereita, de pé). Do libro dos 50 anos da historia do fútbol da Costa (1964-2014) sacamos os algúns datos da súa relación co noso club:

Jesús Trigo García naceu en Carballo, e era mariño mercante de profesión, pero a súa paixón era o fútbol. Fichou polo CD Baio para a Copa da Costa da temporada 1965-66, co obxectivo de que o equipo competise ao máximo nivel. Din os da súa época que con el foi a primeira vez que se adestraba unha ou dúas veces por semana no club baiés. Para esa Copa da Costa déraselle carta branca para fichar e conseguira traer un dianteiro centro santiagués que xogaba no Arousa e un fornido lateral. O equipo logrou impoñerse nos oitavos de final ao Ponteceso, e nos cuartos correspondeulle enfrontarse ao Muxía, que fora o campión da Liga. Tras derrota en terras da Barca e vitoria no Balsiño, houbo que xogar un partido de desempate en Vimianzo. Foi tal a expectación causada na vila de Baio que ese xoves que se xogou o partido pecharon os negocios todos para ir a Vimianzo. Gañaron os muxiáns, pero na afección baiesa quedou o recordo de que por vez primeira o equipo podíalle gañar a calquera.

Continuou adestrando o equipo na temporada 66-67 e comezaría a 67-68, pero tería que deixalo polo seu traballo. Este era o seu maior impedimento, pois había épocas do ano que estaba embarcado e non podía adestrar. Con todo, en Baio sempre estaban dispostos a que botase unha man, e cando volvía estar libre facíase cargo do equipo. Así aconteceu na segunda volta da temporada 70-71 e seguramente estivese na 71-72. Jesús Trigo era un home rexo e flegmático, con cara seria que parecía sempiternamente enfadado, mais logrou as simpatías dos xogadores e afeccionados baieses. Os seus berros desde a banda -que algunha vez chegaban ao insulto- non eran sempre ben entendidos polos rivais e ás veces polos propios xogadores, como aconteceu con Manolito de Costa en Muxía, que se cabreou tanto que marchou do campo. Entre os berros de ánimo aos xogadores foi moi recordado o “Pégale duro, Ramón!” que lle soltou a Ramón de Nantón cando ía lanzar á portería. A frase tiña a súa graza por estar de moda daquela unha canción popularizada polos Satélites que dicía máis ou menos: “Pégale duro, Ramón / pégale duro y serrao…”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *