Raúl Corzón (Baio, 2001) comezou a xogar ao fútbol a unha moi curta idade, pero unha grave lesión en categorías inferiores mantívoo lonxe dos terreos de xogo varias temporadas. Logo de recuperarse e pasar por outros clubs volveu á casa na que, a día de hoxe, é o máximo goleador do equipo xuvenil. A pasada semana, na previa da Copa da Costa en Corcubión, estreouse tamén como goleador do primeiro equipo sen que pasara un minuto dende que entrou no campo.
Que se sente ó marcar o primeiro gol co equipo sénior? Pensabas que sería tan pronto?
Pois moi ben, non contaba marcar. Aínda así, podía ter marcado antes que xa fallei unhas cantas entre o ano pasado e este.
En cantos partidos do primeiro equipo participaches esta temporada?
Esta temporada creo que iría convocado uns 6 partidos, pero participei en 4.
Pero en realidade o debut foi a temporada pasada, recordas en cantos partidos tiveches algún minuto?
O ano pasado xoguei algún partido pero non me acordo cantos, poucos foron. Do que me acordo ben é o da Copa da Costa contra o Malpica, que fora un desastre e marchara algo cabreado.
Notas moito o salto de categoría?
Si, nótase moito, e ademais non sempre podo ir adestrar polo que me noto moi baixo de ritmo con algún dos compañeiros.
Como te sentes neste vestiario ao ser o único xogador do equipo xuvenil que participa na actualidade co primeiro equipo?
Síntome un máis. Ao principio si que andaba algo máis apartado pero este ano, sobre todo con Julián e Sergio cos que xoguei o ano pasado, si que me sinto moito máis integrado.
Algún compañeiro que che dea consellos?
Moitos. Peke debe ser dos que máis me anima, e MC sempre me anda dicindo cousas para intentar mellorar.
Tiveches que pagar algunha novatada? Aínda non che teñen apodo?
Así que recorde non, o típico pasillo de collejas e pouco máis. E respecto ao apodo non, algún puntual pero normalmente chámanme polo nome.
Como ves ao equipo? Aínda se debe afrontar a Primeira Galicia con ilusión ou debemos ver con bos ollos esta espectacular cuarta praza?
Canto máis arriba, mellor. Do segundo estamos a 9 puntos e aínda queda moita liga. Se podemos facer algo bonito intentarase, e eu intentarei axudar, claro.
Cres que recibir á SD Sofán na próxima eliminatoria da Copa da Costa foi un xerro de auga fría? Ou o feito de ser partido único no Platas danos máis posibilidades?
Eu penso que podemos competirlles, e máis co plus do cambio de sistema na Copa e as ganas que temos dela.
Veremos Raúl por moitos anos ou tes tentacións, por exemplo, de cadrar co teu tío (Emilio Corzón, adestrador do Baíñas ata a xornada pasada)?
Aínda me queda un ano de xuvenil pero non sei que vou facer. Ándanme chamando amigos doutros equipos, e co meu tío tamén tiña moitas ganas de volver cadrar. Un posto no equipo está caro, hai moi bos xogadores e eu aínda son xuvenil, así que veremos a ver que pasa. Polo momento acabar esta temporada e intentar axudar o máximo; ao acabar, xa haberá tempo para mirar o que facer.
Recordas a que anos empezaches a xogar ao fútbol? Cantas temporadas estiveches fóra do Baio?
Empecei con cinco ou seis anos, cando aínda nos adestraba Marcos de Elías. Estiven 5 ou 6 anos fóra do Baio, pero en catro deles non xoguei.
Nas primeiras etapas na base, cando tiveches graves problemas, nalgún momento tiveches tentacións de deixalo? Aconselláronche abandonar o fútbol?
Si, en alevíns mandáronme deixar o fútbol por unha lesión da rodilla. Estiven tres anos sen xogar, máis ou menos, ata que en infantil de segundo ano o meu tío Emilio díxome que fora para o Zas, que nos ía adestrar el. Ganas de deixalo nunca tiven, só o primeiro ano de cadetes. Ese ano empecei a pretemporada no Zas pero, cando o meu tío marchou, a min non me deron a carta de liberdade e estiven todo o ano adestrando cun equipo dunha categoría superior sen poder xogar.
Como é o teu gol soñado?
Nunca o pensei porque xa poucos marco. De pequeno si que soñaba sempre con marcar de chilena e de falta, que daquela dábanseme mellor que agora.