Guau: “sempre fun feliz xogando ó fútbol, sempre xoguei con amigos”

entrevista guau

Pablo Romero “Guau” (1993) é a alma do CD Baio, o xogador exemplar que todos os clubs quixeran ter. Comezou a xogar en canto llo permitiron, sendo alevín de primeiro ano, e capitaneou a nosa camiseta por tódalas categorías. Despois de debutar nos sénior decidiu probar sorte no Nantón, onde estivo tres temporadas antes de volver á súa casa, na que é fundamental e un dos máis queridos.

Como estades levando o parón? Seguides facendo algún tipo de rutina para estar o mellor en forma posible cando remate a cuarentena?

Lévase con resignación, estabamos nun bo momento logo de gañarlle a un rival directo como é o Piloño, empatar en Lalín e gañarlle a todo un Flavia…é unha pena este parón, pero é o que toca. Si, estamos facendo unha tortura de adestramento… perdón, unha rutina de adestramento, como di Porty “un adestramento de atletas” (risas). Falo en nome de todos cando digo que desexamos adestrar xa no campo. (Risas outra vez?).

Como está sendo o grupo na distancia? Algún que tire do carro e pique aos demais de algunha maneira?

É unha situación nova para todos, temos a Mc tirando do carro e poñéndonos as pilas para non relaxarnos a pesar de que as súas comidas trampa non sexan o mellor exemplo. (Risas).

Como resumirías esta temporada? Darías por bo que rematase así?

Resumiría a tempada como irregular. Non daría por bo que rematase así, quedan 9 partidos de liga e moitos puntos en xogo, debemos seguir escalando posicións e metendo equipos por abaixo para afrontar a Copa con tranquilidade.

Cres que cando se reanude a competición imos ver resultados moi diferentes aos que se viñan dando nas últimas xornadas? Ou algún equipo sairá con vantaxe?

Todos partiremos de estar un mes (esperemos que se quede niso) “parados”, polo tanto, dubido que beneficie a algún.

Cal cres que foi o motivo de que pasaramos unha costa de xaneiro tan difícil? Cres que o club acusou un exceso de xuventude ou moitos cambios respecto ao ano pasado?

Creo que se sumou algo o aspecto psicolóxico con que moitos non estabamos no noso mellor momento, nin físico nin futbolístico. A vitoria contra o Piloño deu confianza, á vista está. O exceso de xuventude non creo, o ano pasado pouca diferencia había. Igual o que se notou foi que se foi xente máis rodada na categoría e non é fácil acoplar eses cambios de un día para outro. De todas formas, vendo o nivel de todos os equipos e vendo o noso, temos equipo máis que para o que di a clasificación. Temos moito que dicir de aquí ó final de temporada!

Cal dos teus compañeiros cres que é o que máis se está coidando neste parón?

Manu Santiso, igual que cando imos de festa, non o pillamos a tempo para inculcarlle os nosos hábitos (risas). Quere o MVP!

A quen lle poñerías as pilas?

O meu “tirón de orellas” vai para os pequenos da casa: Sergio, Julián, Mohedano e Carlos. Nós, a miña xeración, chegamos ó primeiro equipo porque “non había outro” e era máis fácil ter minutos que agora con un equipo feito, pero creo que se dan un paso adiante e dan todo o que teñen dentro (cualidades sóbranlle a calquera deles) vaille chegar a oportunidade antes do que pensan.

Que xogador che sorprendeu máis esta temporada?

Mario Domato, non o coñecía e sorprendeume moi positivamente, nunca se queixa de nada, xogue o que xogue sempre da todo o que ten, non falla ós adestramentos…compromiso 100% a pesar de non ser da casa. No partido contra o Flavia chegou xusto de Salamanca para vir xogar, entrou na segunda parte e marcou gol. Alegreime moito por el, un premio ó traballo. Un exemplo a seguir.

Se tiveras que escoller un…cal sería o teu compañeiro de autobús cada domingo?

Peke, chega cansado moitas veces por X motivos e acostuma ser o máis tranquilo no bus. (Risas)

Cal dirías que foi o mellor xogador co que cadraches no vestiario?

Martín Muiño, o eterno capitán do Baio, vía o fútbol un paso por diante do resto.

O mellor adestrador?

Con todos aprendes cousas. De Nacho Barreiro, a competitividade e o carácter. Tono foi quen me fixo debutar sendo xuvenil de primeiro ano co primeiro equipo, e apostou por min en anos posteriores. Félix tiña unha metodoloxía e coñecementos que nunca viramos e nos sorprenderon moito. Con Carliños da Margarida (Nantón) aprendín a ver o fútbol de outra maneira e, como dicía el, “a andar polo mundo”. E Pablo, na liña de Félix e con unha paciencia descomunal. Se me teño que mollar…Nacho Barreiro foi quen máis me marcou porque foi quen me cambiou o chip competitivo.

E o mellor rival? Houbo algún co que che gustaría ter compartido vestiario?

Rivais bos houbo moitos, por exemplo, Álex Pérez do Flavia o ano pasado fíxome pedir unha cadera nova (Risas). Gustaríame compartir vestiario con moita xente, non sabería dicirche un en concreto, fixen moitos amigos grazas ó fútbol.

Cal é o teu mellor recordo como futbolista? E o peor?

Quedaríame con dous recordos positivos: a liguiña que gañamos no meu último ano de xuvenil con Nacho, por todo o progreso neses tres anos do grupo de xogadores, e o ascenso a Primeira Rexional co Sálvora e o Agolada na promoción con Félix, un ano no que non se daba un peso por nós e rachamos tódolos prognósticos.
Recordos negativos poucos, das derrotas tamén se aprende, os que se me veñen á mente son os de non conseguir o ascenso a Segunda Rexional no meu primeiro ano no C.D. Nantón e nunca pasar de cuartos na Copa da Costa. Este ano ten que ser!

Sempre fuches feliz xogando ao fútbol ou nalgún momento tiveches tentacións de deixalo? Que te empuxa a seguir no club a pesar de contar con menos minutos dos que che gustaría?

Tentacións de deixalo? En cada lesión…e xa van unhas cantas, ata que volvo pisar o campo e se me pasan (risas). Pero a pesar diso sempre fun feliz xogando ó fútbol, sempre xoguei con amigos e iso faino moito máis levadeiro. Son moitos anos “xogando cos de sempre” (Mc, Rubio, Yago, Norberto, Bieito…) e os novos sempre se acoplan moi ben aquí e hai grupos humanos inmellorables. Gústame adestrar, “estar no grupo”, competir, aprender e aínda que sone a tópico, un xogador adestra para estar listo cando o equipo o necesite, as tempadas son moi largas e hai minutos para todos. Iso pensei sempre, cando xogaba e cando non, é algo que se debía inculcar á xente desde pequenos. É tan importante o compromiso coma regatear a catro.

Ademais de ser un imprescindible no club, tamén es fundamental na vila, sendo un dos puntais da comisión de festas, entre outras. Plantéxaste formar parte da directiva ou do corpo técnico nalgún futuro próximo?

Sempre estou disposto a botar unha man no que poda. Teño o título de monitor de fútbol base, algunha formación complementaria e quero seguir formándome, véxome máis cerca do campo que no palco coma Florentino, son moi forofo para io. Os árbitros non nos quitan ollo no banquillo a Pablo e a min…

Se tiveras que facer unha pregunta a algún dos teus compañeiros…que lle preguntarías e a quen?

A pregunta sería para Damián, gustaríame saber que botou máis de menos no tempo que estivo de baixa: os burpees do míster, os vaciles polo “look C.Tangana” ou as sesións remember de Javi Suárez baixando entrenar. Vamos Dami, lúcete con ese galego!

Para rematar, que mensaxe che gustaría deixar á afección?

A mensaxe que lle transmitiría á afección é que non deixen de asistir ó campo nin deixen de animar, que os bos momentos chegarán remando todos na mesma dirección. Forza Baio!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *