Bieito: “Estou onde realmente sinto que teño que estar”

Entrevista Bieito

Bieito (Laxe, 1994) chegou a este club en categoría cadete, procedente do Victoria. Sendo xuvenil, o adestrador baiés Nacho levaríao con el ao Ponteceso SD, na Primeira Galicia naquel momento e onde Bieito xogaría toda a temporada. Volveu ao Baio e desta vez foi Félix quen rematou con el no Laracha de Preferente, que acabaría deixando por lesión. Finalmente volveu á súa casa para tomar as rendas e ser parte fundamental nesta xeración que tanta ilusión esperta. Esta pasada temporada foi elixido o xogador máis regular do equipo, e un dos que rexeitou ofertas de categoría superior por apostar pola casa e seguir facendo as delicias dos seus cada domingo.

Como valorarías a pasada temporada? Estás satisfeito co cuarto posto na clasificación ou queda a espiña dos últimos partidos nos que se puido conseguir máis?

A temporada pasada foi boa, pero non todo o boa que queríamos. O cuarto posto está ben, pero visto o nivel que amosamos en diferentes momentos da temporada, quédome coa sensación de que puidemos facer un pouquiño máis e pelexar ata o final por meternos aí arriba. E, sobre todo, facer un papel moito mellor na Copa.

Con estes números, fuches varios os que tiveches importantes ofertas de outros clubs de superior categoría. Que fixo que, no teu caso, nin sequera quixeras escoitar propostas?

Estou onde quero estar e onde realmente sinto que teño que estar. Estar nun proxecto deportivo tan bonito xunto cos meus amigos e ca xente que quero non vai haber cartos que o paguen.

Que herdases o dorsal número 8 do eterno Martín foi casualidade ou ten historia?

Ten a súa pequena historia. Martín foi e será sempre unha das miñas debilidades futbolística e persoal. O verán pasado díxome que lle gustaría que eu levara o número oito, e para min non houbo maior motivación este ano que que el se sentise orgulloso de verme os domingos levar o seu número. Todos sabemos o que supón Martín para a historia do club, non o vai haber máis grande ca el, así que para min significou moitísimo.

A nivel individual, como afrontas a temporada que vai comezar?

Ben, con moitísimas ganas de empezar a temporada xa. Con moita ilusión de facer un ano mellor que o anterior e de aportar ao club todo o posible para seguir medrando xuntos.

Como estás vendo o equipo nestas primeiras dúas semanas de preparación con un grupo de xogadores tan renovado? Cres que se verá un Baio moi diferente ao da pasada temporada?

O equipo está traballando moi ben, a base do equipo mantense e as novas incorporacións estanse adaptando moi ben ao grupo. Non creo que moitos equipos de nivel superior estean traballando tanto e tan ben coma nós, e seguro que o día de mañá se verá recompensado. Creo que se verá un Baio similar, temos a nosa idea de xogo e trataremos de seguir con ela porque é o que nos funciona, intentando corrixir cousiñas para seguir mellorando. Se a temporada é mellor ou peor que a anterior falarémolo ao final, pero se seguimos nesta liña estou seguro que mellor.

Atréveste a prognosticar como será? Cal cres que debe ser o obxectivo?

Non me atrevo a prognosticar nada, o fútbol da moitas voltas. O obxectivo ten que ser intentar ser mellores en cada adestramento e cada domingo e, despois, o fútbol pon a cada un no seu sitio.

Vendo os equipos que se están formando en Primeira, cales cres que serán os favoritos ao título?

É evidente que hai equipos que se están reforzando moi ben como o Soneira, Lalín, o Flavia vai estar seguro pelexando, o Negreira pola súa historia seguro que tamén estará aí arriba, Agolada, Dumbría ten boa pinta… en fin, a Primeira é unha competición moi igualada con equipos moi bos, penso que haberá que esperar.

Cal é o teu mellor recordo como futbolista? E o peor?

Un dos meus mellores recordos como futbolista foi a liga gañada co Baio e a liguilla de campións gañada cos xuvenís. Tamén poderiamos engadir a eliminatoria pasada contra o Sofán desta temporada, a pesar do resultado final na Copa. Dos peores, a lesión que tiven en Laracha coa espalda e a recente eliminación co Esteirana na copa.

Cal dirías que foi o mellor xogador co que cadraches nun vestiario? E adestrador?

Pois a verdade é que tiven a sorte de compartir vestiario con grandísimos xogadores. Como xa dixen antes a Martín sería imposible non metelo e, se falamos dun ex capitán, imposible non meter ao noso actual “capi”. Está facendo historia no Baio e está claro que ten algo diferente ao resto, así falan os seus números por el. No Laracha tamén tiven a sorte de compartir vestiario con grandísimos xogadores e persoas como os irmáns Bouzas, Antonio, Rober, Souto, Álex…sería imposible quedarme so con un.

Adestradores houbo tres que me marcaron: primeiramente Nacho, despois Félix fixo que fora o xogador que hoxe en día son e Pablo, que sen dúbida está completando o traballo que empezou Félix de marabilla.

Algún rival co que che gustaría ter compartido vestiario?

Sempre me encantou Josinho de Paiosaco, creo que é un fenómeno tanto dentro como fóra do campo e que disfrutaría moitísimo con el, así que oxalá algún día decida vir para o Baio.

Tiveches algún futbolista como referente pola súa forma de ser ou xogar?

Se falamos de ídolos, como bo deportivista que son o meu principal sempre foi Valerón. Despois, obviamente, Iniesta, Xavi…

Fai dúas temporadas, ademais, adestrabas aos nosos xuvenís xunto con MC. Cambiou a túa forma de ver o fútbol dende a perspectiva do adestrador?

A verdade é que creo que non. Miro o fútbol da mesma maneira e vivoo tan intensamente coma sempre. Foi moi bonito adestrar a xente coa que hoxe en día compartes vestiario e que está chamada a ser o futuro do Baio.

Tes algunha espiña ou obxectivo que marques conseguir con este club?

Creo que todos temos a mesma espiña e é que esta xeración gañe unha Copa da Costa. Despois, se podemos pelexar por estar o máis arriba posible na liga e meternos aí, creo que temos todo o necesario para facelo: directiva, corpo técnico e plantilla.

Para rematar, que mensaxe che gustaría deixar á afección?

Á nosa afección pouco lle podemos pedir, xa sae deles mesmos estar con nós sempre. É moi bonito ir xogar fóra e que haxa máis xente de Baio que do equipo local. Non faremos tanta festa, pero os nosos son incondicionais nas boas e nas malas, e iso é impagable.

Bieito entrega XMR
Entrega dos premios ao Xogador Máis Regular da temporada 2018/2019 a Bieito (sénior) e Raúl (xuvenil).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *