Dobre reto: volver gañar na casa e seguir invicto co Volantes

A Historia

O domingo o CD Baio recibe no Platas Reinoso ao Volantes de Baño FC, club de recente creación, mais herdeiro do Volantes de Baño que disputou a 1ª edición da Copa da Ría de Muros. O club muradán foi fundado en 2011, e na súa primeira campaña, a 2011-12, xa conseguiu o ascenso na promoción á 2ª Autonómica. Catro campañas estivo nesta categoría, ata que o descenso na 2015-16 o levou de novo á 3ª Autonómica. Tivo que botar dous anos aquí, pero na 2017-18 procalmouse campión, e volveu á Liga da Costa. E foi meteórico o ascenso pois na campaña pasada proclamouse subcampión, o que lle permitiu disputar a fase de ascenso, que gañou con solvencia ante Cacheiras e Villestro, e logrou así subir á 1ª Galicia, no seu grupo 2. Polo tanto, son 9 as campañas que leva en activo o club, e delas xogou 3 na 3ª Autonómica, 5 na 2ª e esta é a primeira na 1ª Galicia.

Esta vai ser a segunda temporada na que coinciden os dous conxuntos, a primeira delas na 2ª Autonómica e esta na 1ª semiprovincial. Foi na 2012-13 cando cadraron xogando a Liga da Costa e o primeiro enfrontamento foi no Eleuterio Balayo de Muros, o 18 de novembro de 2012, e o Baio impúxose por un contudente 0-5; o partido da segunda volta no Platas Reinoso foi o 7 de abril de 2013 e deparou un resultado máis axustado (3-1), tamén favorable para os baieses. Polo tanto, dúas vitorias do Baio nos dous únicos enfrontamentos entre Baio e Volantes.

O partido do domingo

O Volantes de Baño FC debuta na 1ª Galicia despois dunha gran campaña anterior, na que unha segunda volta impresionante fixo que chegase ao subcampionato da Liga da Costa, e despois non atopase rival na promoción. Coa continuidade de Sil no banco, mantén a base do plantel que logrou o ascenso, con xogadores importantes como Pesco, Berto, Álex Pri, Marcos, Godo, Rachón, Jano, Thiago, ou Cacho, chegado no tramo final ligueiro. Para facerlle fronte á nova categoría chegaron este ano algúns xogadores veteranos, como Charles (Cacheiras; antes Taragoña, Unión…), Óliver (Xallas, antes Lesende) ou Kevin Rajoy (Vilatuxe, antes Bertamiráns, Xallas, Lalín…); xunto a eles varios xogadores procedentes de equipos xuvenís: o porteiro Alberte (Xuventude Oroso), Xián (Esteirana), e dos Miúdos: Flavio, Abel, Sestayo e Rubén. Xa comezada a temporada incorporouse Roberto Amoedo, ata o momento xogador-adestrador do Mazaricos, e causou baixa Flavia, que se foi ao CD Muros.

Ata o momento foron utilizados 23 xogadores, 4 deles aínda en idade xuvenil. Tan só Rachón foi titular en todos os partidos, e catro máis fórono en 10: Pesco, Óliver -estes saíndo o outro desde o banco-, Kevin Rajoy e Berto. Na portería Marcos xogou sete partidos e o xuvenil Alberte saíu de inicio en catro. O resto dos postos fóronos disputando Jano, Cacho, Charles, Godo, Álex Pri, Pardelo ou Thiago. Menos minutos tiveron ata o momento o recentemente fichado Roberto Amoedo, os xuvenís Rubén Lago, Abel Rey e Sestayo, e o sénior de primeiro ano Xián. Menos oportunidades tiveron Josiño e Tico, e un clásico como Cajulo que aínda non debutou esta campaña.

Actualmente o Volantes de Baño ocupa a 14ª posición, con 11 puntos. Leva dúas vitorias e cinco empates, con 4 derrotas, con 19 goles a favor e 24 en contra. Non cinco partidos que disputou como forasteiro, conseguiu unha vitoria e un empate, con tres derrotas. Seis goles marcou fóra do Eleuterio Balayo e encaixou 10. Comezou perdendo co Esclavitud (1-0), empatou co Soneira (3-3), perdeu en Praíña (2-0), triunfo en Asados co Unión (1-2) e derrota en Lalín (3-1). O seu máximo goleador é Berto, con sete goles, seguido por Pesco, con seis; Thiago leva 3 goles, con 2 está Jano e Xián marcou 1.

PRIMEIRA GALICIA – GRUPO 2

C.D. BAIO – VOLANTES DE BAÑO F.C.

Domingo 24 de novembro; 16:15 horas.

Campo: Platas Reinoso (Baio).

Árbitro: Diego Cusset Ramírez.

Asistentes: Christian Grille Blanco / Alberto Montero Couto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *