Diego Mallo: “son un afortunado de pertencer a esta gran familia”

diego mallo entrevista

Diego Mallo (Carballo, 1995) volveu a esta casa no verán despois de dúas temporadas no Coristanco. Foi un dos nosos campións no único ano que xogou no Platas , traéndonos unha Liga da Costa vinte e seis anos despois. Para volver ler o que nos contou á súa chegada, pincha neste enlace.

Como estades levando o parón? Como se prepara un porteiro na soidade?

Pois individualmente o parón está sendo bastante duro, xa que boto moito en falta os adestramentos e os meus compañeiros. Ó fin e ó cabo o fútbol serve para desconectar e pasalo ben, e iso en Baio queda ben reflexado.

O adestramento individual dun porteiro, aparte dos marabillosos exercicios do Míster (risas), teño a sorte de ter os adestradores da Escola Nordés (Trucho e Elduayen) que están facendo o posible enviando exercicios específicos para traballar axilidade, coordinación e moito mais.

Xa falaches a principio de temporada, cando regresaches á que foi a túa casa fai dúas temporadas. Está sendo como esperabas?

Pois como xa dixen, Baio é un equipo único no que xoguei, como é o caso do Coristanco, lévoos ós dous no corazón. A miña volta a Baio, persoalmente, non foi como esperaba porque nunca cheguei estar ó 100% entre lesións e temas psicolóxicos, e cando pensaba estalo chega este parón… Pero a nivel equipo son un afortunado de pertencer a esta gran familia, porque non hai cartos que o paguen.

Damián enviouche unha pregunta, tiña clarísimo que tiña que preguntarche como fas para parar tanto se non ves “un burro a catro pasos”, segundo palabras textuais.

Sabíao, sabía que alguén ía saír con esta pregunta (risas). A resposta é sencilla: porque os balóns que paro poucas veces uso os ollos, xa que os cerro en cada parada e a sorte acompaña e bátenme (risas).

Como está sendo o equipo na distancia? Quen é o máis vacilón?

A nivel grupo estase levando mal porque temos ganas de pisar o céspede do Platas e volver ás risas e a competir, pero é o que toca agora; nesta situación o fútbol pasa a un segundo plano. Co grupo que temos é difícil aburrirse, xa que se non é un vacile de Mc aparece Guachi, e se non é Guachi é Manu Santiso… polas risas non temos problema.

Cal dos teus compañeiros cres que é o que máis se está coidando neste parón? Estás de acordo con Guau e Damián?

Creo que os que máis se están coidando, vendo os seus menús, son o Presi e máis o Míster sen dúbida (risas). Dos xogadores si que estaría de acordo cos dous e tamén diría Manu Santiso.

Que xogador che sorprendeu máis esta temporada?

O xogador que mais me sorprendeu esta temporada foi Manu Santiso, o gran potencial físico de Manu é espectacular, so lle falta meter algunha falta no adestramento pero despois é un gran xogador (risas).

Se tiveras que escoller un…cal sería o teu compañeiro de autobús cada domingo?

Non sabería a quen escoller xa que podería ir con calquera, o que si que sei é onde non me sentaría cerca, e sería ó lado de Mc, porque como che toque ser o escollido de ser vacilado chegas ca orella quente ó campo, parece un viaxe a Madrid (risas).

Se tiveras que facer unha pregunta a algún dos teus compañeiros…que lle preguntarías e a quen?

Sen dúbida lla fago a Peke: que tal levas os adestramentos do Míster?

A principio de temporada xa deixaches unha mensaxe á afección, mantés o mesmo ou gustaríache engadir algo máis varios meses despois?

Non, máis ou menos mantéñome no mesmo, que veñan animar ós xogadores esteamos ben ou mal, xa que para nós o apoio da nosa xente é un plus. Por exemplo, o día que veu o Flavia había moitísima xente e animando empuxáronnos a gañar o partido, logo só podemos dicirlle iso: vinde ó Platas a animar!!!!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *