Derby reñido, empate conseguido

SONEIRA SD 1 – CD BAIO 1

Tarde fría no Municipal de Vimianzo, con moito ambiente nas bancadas, ao que se achegaron algo menos de 300 persoas, na súa meirande parte procedentes de Baio, que viron un encontro vibrante e disputado, que deixou un empate que lles axuda aos dous equipos a seguir sumando, pero que non lles permite engancharse aos locais á zona alta, nin aos visitantes á zona media.

Tras un inicio dubitativo por parte dos dous equipos, chegou a primeira gran ocasión do partido, que tivo Martín MC nas súas botas ao chegarlle un mal despexe de Anxo, e desde máis de 30 enviou un potente disparo que superou o porteiro local pero que se foi fóra lambendo o pau cando xa se cantaba o gol nas bancadas (min.4). Despois desta oportunidade o encontro converteuse nunha loita no centro do campo, sen moito máis perigo que os balóns en longo sobre os puntas, que non tiveron opcións ante as seguras defensas. Tras unha falta favorable ao Baio chegou unha contra do Soneira que cortaron os visitantes cunha falta, e do lanzamento desta falta chegou o gol soneirán, cun gran tiro de Vía Rápida que se coou na porta de Dani pegada ao poste (min.21). A raíz deste gol os baieses perderon un pouco o sitio no campo e o Soneira tratou de aproveitarse. Tivo o segundo na súa cabeza Aarón nun remate no segundo pau, pero fóiselle fóra, tras bo centro de Álex Figueiras (min.24). Os continuos cambios de posición dos dianteiros baieses non inquietaros aos locais, que se mostraban seguros ante as acometidas visitantes. E dentro do desconcerto baiés chagou a ocasión máis clara para o Soneira, nun saque de falta a favor do Baio en zona de lateral que, incomprensiblemente sacan sobre Basti, que só na frontal da área, e con Dani descolocado, remata á cepa do poste, para despois Mario despexar o balón (min.41).  Foi a última oportunidade antes de chegar ao descanso.

Un descanso que lle veu ben ao Baio para ordenar as ideas e meterse de novo no partido, aínda que o Soneira se pechou ben atrás e non permitiu as chegadas con perigo dos baieses. Cos cambios o Baio gañou en profundidade e tamén en chegadas, pero tamén permitiu que o Soneira puidese saír á contra. Nunha delas acabou cunha xogada embarullada na área baiesa, e o balón chegoulle a Basti que rematou alto (min.68). O partido seguía polos mesmos derroteiros, e o Soneira intentou pechalo con cambios máis defensivos, pero foi aí cando chegaron as ocasións baiesas. A primeira nun lanzamento de córner de Santi Díaz, que intentou o gol olímpico, pero o balón tras superar por alto a Anxo peta no poste e sae fóra (min.78). Pero foi no minuto seguinte, cando de novo lle chega o balón a Santi Díaz en posición de extremo, que filtra un pase sobre Iván Rojo na frontal da área, e con moita calidade coloca o balón no ángulo lonxe do alcance do porteiro local. Nos últimos minutos os dous equipos intentaron facerse cos tres puntos en xogo, pero non tiveron éxito nas súas tímidas chegadas. O Soneira intentouno en base a balóns colgados pero aí estivo moi seguro Dani para conxurar o perigo.

Suma un novo empate o Baio no segundo derby, e agora a esperar o terceiro consecutivo a vindeira semana fronte ao San Lorenzo. É o sexto empate da temporada, o que lle permite sumar 12 puntos, que non o arredan dos postos perigosos, pero polo menos consegue seguir sumando, e máis nun campo complicado como o Municipal vimiancés.

Pola SD Soneira xogaron: Anxo, Rubén Forján, David Agra, Aarón, Nazo, De la Sierra (Mayor min.70), Sandelo (Jota min.70), Álex Figueiras, Pichi, Vía Rápida (Bruno min.78), Basti. E polo CD Baio: Dani, Isaac, Yago, Mario, Fachal (Adrián Lema min.55), Peke, Moreno (Santi Díaz min.55), Martín (Rubio min.64), Bieito, Iván Rojo, Martín MC. Arbitrou Álvaro Gil Soriano, máis tarxeteiro do necesario, e con erros nos cambios na acta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *