Damián Zas (Oseiro, 1995) chegou ao CD Baio a pasada temporada procedente do San Tirso. A súa traxectoria previa abarca equipos de grande categoría: comezou a xogar con 8 anos no equipo da súa vila, o Oseiro, antes de pasar ao Atlético Arteixo, onde estivo dúas temporadas. Ficharía logo polo Montañeros, onde estivo ata rematar a súa etapa no fútbol base oito anos despois. Debutou na categoría sénior co Betanzos onde competiu tres temporadas ata recalar no San Tirso, só un ano antes de chegar a Baio da man de Pablo Torreira. Unha temporada neste club foi suficiente para demostrar que estabamos ante un dos mellores laterais da categoría e, aínda que este ano encadeou varias lesións que o afastaron practicamente na totalidade, volveu ao Platas antes da cuarentena e agardamos que por moito tempo.
Como estás levando o parón? As rutinas de adestramento que vos manda o Míster son tan duras como di Guau?
A verdade e que a min persoalmente neste tema do fútbol bastante mal, xa que por unhas cousas o por outras non acabo de coller continuidade esta temporada. As rutinas chéganlle ben, aínda que lle baixara unha marcha non pasaba nada (risas). Pero como di el, son necesarias, e sobre todo se queres competir domingo tras domingo ata final de tempada.
Esta temporada foi moi desafortunada para ti e estiveches lonxe do céspede ata fai dúas xornadas. Como te encontras? Xa estás ó 100%?
Pois a verdade é que entre unha lesión e outra apenas puiden xogar unha ducia de partidos este ano. O importante é que xa estou listo para poder dar o 100% e con moitas ganas de volver xogar.
Guau enviouche unha pregunta, gustaríalle saber que botaches máis de menos no tempo que estiveches de baixa: os “burpees” do Míster, os vaciles polo “look C.Tangana” ou as sesións remember de Javi Suárez baixando adestrar. Díxoche ademais que te lucises co galego, vacilan moito polo idioma?
O que mais botei de menos é ó vestiario en xeral, ver ós rapaces 4 días á semana, o ambiente que se vive no club en xeral é moi bo. Guau é un cabrón (risas). Das cousas que me di é fácil escoller: as sesións do coche de Javi (risas). Si, algún que outro vacile polo idioma si que tiven, sobre todo o ano pasado ó principio (risas).
Como está sendo o equipo na distancia? Traballa moito ese grupo de WhatsApp?
Entre as flexións, os rollos de papel, as comidas etc… a verdade é que traballa abondo.
Cal dos teus compañeiros cres que é o que máis se está coidando neste parón?
Nesta pregunta coincido con Guau sen dúbida: Santiso. Normalmente xa creo que é o que máis se coida durante todo o ano.
A quen lle poñerías as pilas?
A todos en xeral, temos que apertar un pouco máis, que xa demostramos que somos un equipo que temos que estar máis arriba do que estamos.
Que xogador che sorprendeu máis esta temporada?
Cando máis me sorprendín foi o ano pasado co nivel dos Bieito, Mc, Yago, etc…este ano xa estou afeito a eles. Pero se teño que destacar a alguén é a Guau polo seu papel incrible no vestiario, e logo a un dos novos como é Mario, sempre ao 100% os dous. Eu como compañeiro doulle as grazas, e se fora o adestrador sería un luxo ter dous tíos coma eles, sen dúbida. Non sabes o que me alegrei por Mario no último partido na casa, gañouno el co seu cambio.
Se tiveras que escoller un…cal sería o teu compañeiro de autobús cada domingo?
Un compañeiro para o bus non sabería dicir, pero para tomar unas cañas despois teño moitos nomes (risas).
Se tiveras que facer unha pregunta a algún dos teus compañeiros…que lle preguntarías e a quen?
A miña pregunta é clarísima: Diego, como podes parar tanto se non ves un burro a catro pasos? (risas)
Coa temporada que te marchaches o ano pasada, este verán fuches un dos que recibiches ofertas económicas para cambiar de club e, a pesar diso, decidiches quedar con nós. Que te levou a tomar esa decisión?
O mesmo día que me lesionei e rematamos o ano pasado, no último partido da Copa, indo cara o hospital xa tiña claro que tiña que quedar en Baio. Non tiven nada que pensar, este club tratoume coma da casa desde o primeiro día: os rapaces, a directiva, os dous adestradores, toda a xente de aquí… Como digo sempre na miña casa, é o mellor sitio no que estiven.
Marcácheste algún obxectivo no CD Baio? Que che gustaría conseguir nesta casa?
A espiña do ano pasado da Copa doeume, estaba moi ilusionado con ela. Ver ese vestiario despois desa derrota…creo que non o mereciamos. Esta xeración de rapaces de Baio coma MC, Bieito, Guau, Yago, Javi, Rubio, Norbi, Peke… creo que merecen unha alegría acorde ó fútbol que teñen eles, e oxalá eu poda axudar a que consigamos algo bonito para este club.
Coñecías o fútbol da Costa antes de vir? É como te esperabas?
Soamente de oídas, do que me dicían algúns ex-compañeiros e do que me contaba meu pai. Si, é un gusto que no fútbol afeccionado haxa tantas persoas vendo o teu partido coma o ano pasado na casa contra o Sofán, o partido en Fisterra, os dous partidos de cuartos da Copa, etc… En xeral é un ambiente que che fai sentir máis o fútbol.
Gustaríache deixar algunha mensaxe á afección?
Pois que este ano quizais non está sendo o mellor xa que non estamos dando o nivel do ano pasado, pero que aínda queda moita temporada e queda a Copa, que é moi bonita. Que sigan estando con nós coma sempre, apoiándonos aínda que as cousas non saian todo o ben que poden saír, e que como di a canción…Ser do baio é moito mais que un sentimento!!!