Da empanada á esperanza

Tarde calorosa no Lino Balado para ver o partido entre o Sigüeiro FC e o CD Baio que presenciou pouco público, con pouco máis de 100 afeccionados nas bancadas, a maioría procedentes de terras baiesas. Ao remate o equipo local levou os tres puntos, que colleitou nos primeiros minutos e acabou sufrindo e pedindo a hora ante un conxunto baiés que ben puido empatar grazas a un bo segundo tempo, a pesar das moitas baixas que acumulaba na zona de ataque.

O CD Baio saíu completamente durmido e fóra de sitio o que posibilitou que en tres minutos o Sigüeiro adquirise un vantaxe que tranquilizou os nervios que puideran aflorar no equipo orosán polo mal inicio ligueiro. Un balón de banda a banda, centrado por Álex Pri sobre Juanito, que de primeiras toca para Chema, que libre de marca cabecea ao fondo das redes (min.1). Dous minutos despois, unha internada do ex do Sofán Álex Pri permítelle plantarse diante de Dani e batelo polo pau longo. Foi un duro golpe para os baieses, que viron como se lles ía o partido nada máis saltar ao campo. E é que a primeira media hora foi de completo dominio local, que sen ter grandes ocasións si que moveron ao seu gusto o balón, ante uns baieses que corrían detrás del. O perigo do Baio veu do balón parado, pois os locais demostraron bastantes carencias na súa área. Un dobre córner foron as mellores ocasións do Baio neste tramo inicial: un botado por Moreno de xeito directo, que saca o porteiro Pablo coa punta dos dedos a córner cando xa se lle coaba no segundo pau, e do saque deste, Rubio atopa o poste no seu lanzamento desde a esquina (min.17). Pero o Sigu aproveitou as facilidades dadas polo Baio, e tras un balón perdido no medio do campo e unha defensa descolocada, permitiulle a Álex Pri presentarse ante Dani e batelo por baixo (min.27) e poñer o 3-0, que parecía definitivo. Tras isto, o míster Pedro apostou por un cambio de sistema que fixo que o conxunto mellorase e lle quitase o balón ao seu rival. Froito disto chegou o gol baiés, nun balón sobre Rubio, que se foi do seu defensor e desde a frontal sacou un bonito disparo que fixo imposible a estirada do meta Pablo (min.41). E aínda puido marcar un novo gol o conxunto baiés nun balón recuperado na frontal da área por Peke, que tras irse do central disparou coa zurda cruzado, pero o balón foise fóra (min.44).

Na segunda parte seguiu polos mesmos derroteiros, e axiña viría o segundo gol baiés, nun lanzamento de falta botado por Martín, que tras tocar na barreira entra na meta local (min.49). O Sigüeiro viu perigar a súa cómoda vantaxe e gardouse atrás intentando conceder as menores opcións posibles aos visitantes. E aquí o Baio si que botou de menos os seus homes de ataque, a pesar de que o improvisado dianteiro Rubio foi un pesadelo para os locais. Mais as ocasións non chegaban e os minutos pasaban sen que a situación mudase. Apostou o míster baiés por incorporar a Isaac á dianteira e aquí chegaron as mellores oportunidades. A primeira delas do propio Isaac, que aproveitou unha contra para irse en velocidade, pero foi derrubado cando se achegaba á área, sen que o colexiado considerase que era merecente o defensa da conseguinte expulsión (min.81). Balóns colgados nos últimos minutos sobre a área local, en busca dos centrais incorporados en busca deses balóns, sen moito éxito. Pero no desconto tivo o Baio a súa ocasión máis clara cando o balón lle chegou franco a Adrián Lema, pero o seu disparo foise fóra cando se cantaba o gol nas bancadas.

Perdeu o partido o conxunto baiés pagando a súa mala primeira media hora ante un Sigüeiro que non demostrou formas do equipo grande que as súas fichaxes prognosticaban. Agora toca ir recuperando os lesionados para os vindeiros encontros, e volver á senda dos triunfos. A seguinte oportunidade o próximo domingo, no Platas Reinoso, ante os amigos da SD Agolada.

O resto da xornada

Álex Pérez. Este foi o protagonista desta xornada na 1ª Galicia. El conseguiu un hat-trick para darlle a vitoria ao Flavia na súa visita ao Lalín, que perdeu os seus primeiros puntos da temporada; os lalinenses, que xogaron con dez case toda a segunda parte, viron como Richi non marcou por vez primeira nas cinco xornadas disputadas. Agora os dous comparten o liderato, pois o Piloño non aproveitou a derrota dos seus veciños, pois non pasou do empate na visita do Unión. Adiantáronse os visitantes, pero remontaron os de Vila de Cruces, pero o Unión logrou a igualada nos minutos finais. Noutro partido destacado, o Puebla impúxose con claridade ao Bertamiráns, con dous goles de Changui e outro de Pap. No derby da Costa, o Soneira cumpriu os prognósticos ao impoñerse ao San Lorenzo, que disputou a última media hora cun home menos pola expulsión de Mario. Moitos goles, como é habitual nos partidos que xogan Fisterra e At. Ribeira, e o enfrontamento entre eles deparou un 5-2 para os fisterráns, cun dobrete de Víctor Agulleiro. Empate entre dous conxuntos pontevedreses no partido disputado en Valga entre Cordeiro e Silleda, e vitoria do Bastavales sobre o Chaián no duelo de campións da 2ª Galicia da temporada pasada, cun único tanto do seu goleador Julián Nieto. Por último, o Agolada tivo que remontar na segunda parte o gol inicial do Tordoia para levar os tres puntos, cun dobrete de Álex Diéguez.

Na clasificación, lideran como dixemos o Lalín e o Flavia, con 12 puntos, un máis que o Piloño. Pola zona baixa, o At. Ribeira suma tres puntos, e con só un punto quedan o Chaián e o San Lorenzo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *