S.D. FLAVIA 2 – C.D. BAIO 0
Pouca xente no Campo Municipal do Souto para presenciar o partido entre o Flavia e o Baio, con apenas un centenar de seareiros, case a metade procedente de terras baiesas. Tarde nubosa aínda que sen chegar a chover, polo que o campo aguantou ben ao longo dos 90 minutos. Partido igualado nun primeiro tempo, para impoñerse no control o Flavia no segundo, con máis ocasións que xogo, pero o Baio pecou de mordiente arriba, notando moito as baixas de Martín MC e Javi Suárez. Pola contra, debutou Brais Lado, que deixou unha grande impresión no primeiro tempo apagándose no segundo ao igual que o equipo.
Comezou o encontro cun erro defensivo na saída de balón, que propiciou que este lle quedase franco a Adrián Nieto no punto de penalti, pero só ante Fedello este consegue quitar o balón co pé (min.2). Foi mellorando pouco a pouco o conxunto visitante, e chegou unha boa ocasión nunha mala saída do porteiro Diego, que aproveitou Brais para levar o balón pola banda, e o seu centro é rematado de cabeza por Santi Díaz, pero vaise lambendo o traveseiro (min.7). A través das boas xogadas por banda de Brais, o Baio chegou con claridade á área local, pero a falta dun dianteiro que as concretase facían que se perdesen no limbo. Cando parecía que estaba máis asentado o Baio sobre o campo, chegou o gol local, nunha xogada a balón parado. Unha falta lateral é rematada por David Triñanes adiantándose á defensa e colocando o balón no segundo pau (min.19). Non se veu abaixo o equipo baiés, que seguiu combinando e buscando perigosos balóns entre liñas, pero non conseguía ocasións claras. O Flavia pouco a pouco foise facendo forte atrás, e non concedeu tantas alegrías para chegar ao descanso co 1-0.
No segundo tempo o Flavia concedeu menos atrás e conseguiu máis arriba, con chegadas escasas pero perigosas, como un remate desde a frontal de Álex Pérez que se foi ao poste (min.53), ou catro minutos despois un penalti que asubía o colexiado e que se encarga de lanzar o veterano Carlos Padín, pero Fedello consegue desvialo a córner. Con estas ocasións erradas o Flavia botouse aínda máis atrás e o Baio non conseguía penetrar na defensa local, cun David Triñanes sempre inmenso no corte, por arriba e por abaixo. Tan só un tiro desde a frontal de Rubio (min.67) inquietou a bancada local, a pesar de que o partido non estaba pechado. Nos minutos de desconto, co Baio botado arriba chegaron dúas ocasións á contra do Flavia: na primeira Damián envía cruzado e entre Fedello e o traveseiro o balón non entra na portería (min.91) e xa na última xogada, balón en profundidade sobre David Pérez que se vai de Fedello na saída e consegue marcar a porta baleira e poñer o definitivo 2-0 (min.94).
Bo partido do equipo baiés ante un dos favoritos para gañar a liga, e só a falta de gol impediu sacar algo positivo, sobre todo cando o rival necesita moi pouco para adiantarse. A vindeira semana visita o Platas Reinoso un dos equipos descendidos da Preferente, o Bertamiráns.
O resto da xornada
O partido da xornada era o derby entre o Unión e o Puebla, que se decantou un pouco sorprendentemente para os locais, cun gol do ex-pobrense Saviola. Tamén pola mínima se impuxo o Lalín en Silleda, grazas a un novo gol de Richi, que segue marcando diferenzas; o cadro silledense a pesar das baixas que sufriu esta temporada xa avisa que vai dar moita guerra e a piques estivo de sacar algo positivo ante un Lalín que estivo cun menos os últimos 20 minutos pola expulsión de Matelo. Vitoria tamén visitante en Chaián, onde os locais caeron ante un Agolada que notou a volta de Jemba, autor dos dous primeiros goles, o segundo de penalti que lle custou ademais a expulsión a un xogador local; no segundo tempo sentenciou cun terceiro os dezanos e ao remate o Chaián maquillou o resultado. E unha nova vitoria visitante foi a colleitada polo Tordoia na súa visita a Bertamiráns, adiantándose ao pouco de reanudarse o encontro, e tras a expulsión do local Cacho, aumentou a súa distancia o cadro de Víctor Pazos, aínda que ao final o Berta puxo emoción cun gol que foi insuficiente para puntuar.
Empate entre o Fisterra e Sigüeiro, con alternativas no marcador, pois os locais conseguiron remontar o gol do Sigu, pero os de Oroso conseguiron a igualada ao remate do encontro. Tamén en igualada rematou o Soneira-Cordeiro, no que se adiantaron os locais ao comezo do partido, pero no desconto os de Valga lograron levar un punto do Municipal vimiancés. Mesmo resultado que se deu nas Pedreiras, entre o San Lorenzo e o Piloño, con gol inicial dos de Vila de Cruces, para empataren os locais mediada a primeira parte. E para rematar temos que falar da remonta do At. Ribeira ante o Bastavales grazas a un dobrete de Madiop Ndao.
Lalín, Flavia e Unión conseguiron gañar os dous partidos e encabezan a clasificación con 6 puntos, mentres que por abaixo temos que salientar que non hai ningún equipo que non puntuase nas dúas primeiras xornadas. Na vindeira xornada enfrontaranse dous deses líderes, Lalín e Unión no M. Anxo Cortizo.