“Confío en poder xogar coma antes da lesión” Javi Suárez

javi suarez

Javi Suárez (Quintáns, 1989) afronta a súa quinta temporada no CD Baio. A súa renovación foi unha grata sorpresa para moitos, tanto pola gravísima lesión que sufriu a pasada temporada nas primeiras xornadas (rotura do tendón de Aquiles) como pola súa situación laboral. Non só remontou esta situación, senón que foi o mellor do equipo nesta terceira xornada e sóbralle forza para demostrar que o Platas volverá ver a súa mellor versión.

Como estás vendo ao equipo nestas primeiras xornadas?

O equipo está mellorando en cada partido. A pesar de que non están saíndo os resultados, creo que estamos no bo camiño.

Quizais sorprendeu a túa continuidade no club, xa que o teu posto de traballo na actualidade está en Madrid. Como é posible compaxinar Madrid co CD Baio?

Estou a turnos, iso axuda un pouco pero fácil non é, xa que non podo adestrar sempre e falterei a moitos partidos, pero para min poder xogar ao fútbol e estar con este grupo de compañeiros é moi importante. Gracias que o míster e o presi aceptaron esta situación.

A nivel individual, como afrontas a temporada?

O meu reto é axudar ao equipo sempre que poda e pasalo ben no campo.

Como está sendo a volta aos campos de fútbol logo dunha lesión tan grave como a que sufriches o ano pasado?

Custou un pouco a verdade, por sorte recuperei ben pero volver coller a forma e sentirte confiado coma antes non é sinxelo. Pero bueno, xa me noto que vou mellorando a cada partido, confío en poder volver xogar coma antes da lesión.

Plantexácheste nalgún momento deixar o fútbol?

Si, tanto pola lesión como pola situación laboral, pero deime de conta que nin son capaz nin quero. Xogarei sempre que poida aínda que non poida ter unha continuidade en toda a temporada.

Como levas ser o maior da plantilla con 30 anos? Cres que é un equipo demasiado xoven?

Si que é algo raro ser o maior con estes anos, pero non me importa. Posiblemente ter un par de xogadores veteranos de toda a vida puidera axudar en determinadas ocasións, pero realmente o ser un plantel xoven crea a ilusión de que hai CD Baio para largo.

Cales cres que serán os favoritos ao título?

Sinceramente non coñezo moito, mellor preguntarlle a Norberto e Bieito que coñecen a todos os xogadores (risas). Os equipos da Costa sempre son favoritos para min.

Tes algunha espiña ou obxectivo que marques conseguir con este club?

A todos nos gustaría gañar unha Copa da Costa con este grupo.

Para rematar, gustaríache deixarlle algunha mensaxe á afección?

Só que se animen a vir ver os partidos porque vamos mellorar e van disfrutar véndonos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *