Instalacións

Campo Municipal de Fútbol Platas Reinoso é unha instalación destinada á práctica do fútbol situada nas proximidades da vila e parroquia de Baio . O seu propietario é o Concello de Zas e nel xoga os seus partidos como local o Club Deportivo Baio.

O seu terreo de xogo é de herba artificial desde 2008, e conta cunha bancada cuberta.

Historia

Antonio Platas Reinoso foi un mestre compostelán nacido en 1908, que en 1951 foi destinado a Baio polas autoridades franquistas en castigo polas súas ideas republicanas. Na vila baiesa formou a varias xeracións de rapaces a pesar dos escasos medios cos que contaba. E menos mal que en 1954 se inauguraron as Escolas Agra Regueiro, construídas polos propios veciños de Baio ante o desamparo gubernamental.
Home implicado na actividade social baiesa, unha das súas afeccións era o fútbol, polo que procurou a creación dun equipo de fútbol. Pódese considerar un dos catro fundadores do CD Baio, ocupándose el das tarefas organizativas. Foi un dos que xestionou o Campo do Valongo e despois foi peza clave para conseguir ante Lucinda Varela a cesión dos terreos do Campo do Balsiño.
Antes de federarse o club foi secretario da directiva, e unha vez iniciada a Liga da Costa foi vicepresidente a primeira temporada e tesoureiro a segunda. Despois abandonou as directivas, aínda que seguiu colaborando con elas.
Faleceu en Baio en 1971. Desde os anos oitenta unha rúa baiesa leva o seu nome e desde 1990 tamén o campo de fútbol.

O campo

As pequenas dimensións e as moitas carencias do Balsiño para un equipo da Preferente fixo ver a necesidade dun novo campo. Para iso, en 1983, o Concello de Zas adquírelle na zona de Su A Agra uns terreos a Antonio Platas Tasende, fillo do mestre baiés, que deixa a baixo prezo para facilitar a construción do campo. As obras demoráronse moito máis do previsto e non rematarían ata 1990.
O novo campo levará o nome de Platas Reinoso e foi inaugurado oficialmente cun partido entre o Deportivo e o Bergantiños o 24 de agosto de 1990. Destacaba o campo polas grandes dimensións do terreo de xogo (105×65 m) e por unha ampla bancada para máis de 700 espectadores.
En 1998 fíxose unha remodelación cun novo céspede, entre outras reformas (de novo reinaugurado cun partido do Deportivo). No ano 2008 foi remodelado outra vez coa colocación de céspede artificial, reducindo tamén un pouco as dimensións do terreo de xogo.

Cómo chegar