A prehistoria do fútbol en Baio
O fútbol chegou a Baio, como a outros moitos lugares da Costa da Morte, na década de 1920. Foi nesta época cando se empezaron a crear os primeiros clubs máis ou menos oficiais e a disputarse partidos amigables entre os equipos das distintas vilas, sobre todo con ocasión dalgunha festa. A primeira noticia que hai dun equipo de fútbol en Baio data de setembro de 1927, e o club levaba o nome da comarca: Soneira F.C. (en Vimianzo formaríase pouco despois o Ball Soneira). O primeiro partido dos baieses foi contra o Zas F.C. e o resultado foi adverso (1-5).
Despois da Guerra civil volvería o fútbol a Baio, con partidos primeiro no Campo do Campamento (ao lado da Ponte Lodoso), e logo no Campo dos Mulos (no Regueiro do Allo) ata chegar ao Campo do Valongo. Desde 1951 a 1957 usouse este campo situado ao pasar Baio Pequeno cara a Fornelos, nun terreo brañento que impedía o seu uso boa parte do ano, pois a chuvia anegábao todo. Nesta época do Valongo foi cando o club adquiriu estrutura formal (CF Baio foi a primeira denominación), e escolleuse o uniforme, coincidente co do Deportivo da Coruña.
O aumento da afección polo fútbol en Baio fixo que houbese que buscarlle unha solución ao campo, pois no Valongo tan só se podía xogar no verán. Unha comisión formada por Antonio Platas Reinoso, Francisco Alcaraz, Evaristo García Allo e Manuel Veloso, a quen podemos considerar os fundadores do club baiés, foi a encargada de atopar un novo campo. E conseguírono na Piroga, na veciña parroquia de Bamiro, grazas á cesión que fixo dunha leira dona Lucinda Varela de Morgade, a auténtica benfeitora do CD Baio. Será este coñecido como o Campo do Balsiño, pola zona na que estaba situada a leira (en realidade, a forma correcta sería Valsiño ou Valciño, ‘val pequeno’), e durante corenta e cinco anos sería utilizado polo equipo baiés sen ter que pagarlle á súa dona máis que unha misa anual polo seu fillo Teodoro Morgade. Inaugurouse o campo en 1958 cun partido amigable entre o Baio e o Oza Juvenil coruñés. Dous anos despois, o dirixente baiés José Pazos ‘Degho’ intenta federar o club para así formar unha liga oficial na Costa da Morte, pero a Federación esixe que sexan un mínimo de oito clubs para crear a liga. Cando todo parecía feito, parece que o equipo de Santa Comba se botou atrás e quedou todo paralizado.
As dúas primeiras décadas
Tivo que agardarse a 1964 para que por fin se xuntasen os oito clubs necesarios, e que nacese así a Liga da Costa. UC Cee, SD Fisterra, CD Laxe, CD Poniente (de Carballo), SD Ponteceso, CD Porteño (da Ponte do Porto), UD San Isidro (de Quintáns-Muxía) e o CD Baio foron os oito clubs fundadores da liga costeira. O 12 de abril de 1964 xogouse o primeiro partido oficial do CD Baio, e foi en Laxe, con derrota baiesa (3-1), mais o dianteiro Pepe de Agosto tivo a honra de ser o autor do primeiro gol da historia da Liga da Costa. O mal comezo do equipo baiés provocou a mofa dos demais, que o empezaron a alcumar como o equipo do farol vermello. Pero lonxe de tomalo a mal, os baieses collérono como un orgullo e crearon o trofeo simbólico do farol vermello. Coa reacción do equipo na segunda volta, o farol foi traspasado a outros equipos que pasaron a ocupar o último posto, pero non todos o aceptaban de boa gana. Na segunda temporada, o Baio si que se fixo merecente deste “trofeo”, pero a deportividade con que se tomaba a situación fixo que mesmo se pendurase un farol pintado de vermello no autobús no que viaxaban os xogadores. Nacía así a lenda do farol vermello, que posteriormente sería incorporado no propio escudo do club, a pesar de que o Baio tan só acabou 4 veces no último posto nas 54 temporadas disputadas ata hoxe en día.
A humildade e as carencias económicas marcaron a traxectoria do CD Baio nas súas primeiras temporadas. Participar cada ano xa era un triunfo, e pouco a pouco foron deixando de competir algunha temporada os outros fundadores, pero o club baiés foi o único que seguiu aí, ano tras ano, ata converterse no Decano da Liga da Costa. O labor dos directivos foi fundamental para que o ánimo non decaese, e así convén lembrar aos presidentes dos primeiros tempos, como Manuel P. Maroño, José Mª Lema (o máis lonxevo, con 9 temporadas), Jesús Paz, José Luis López, José Díaz e Santiago Romero. Nas quince primeiras temporadas ocupou o CD Baio os postos medio-baixos da clasificación ligueira, e na Copa da Costa nunca pasou dos cuartos de final.
Na temporada 76-77 o Baio conseguiu o seu primeiro título e foi na categoría xuvenil. O campionato ligueiro da Costa ha de ter trascendencia no futuro, pois van ser estes xogadores a base dos éxitos que habían chegar na década seguinte. Xunto a eles o salto de calidade veu da man de presidentes como José Mira ‘Calabanda’ ou Julio Díaz, que apostaron por traer xogadores foráneos que marcasen a diferenza, para complementar a calidade dos rapaces que saían da canteira.
Década de 1980
Será a temporada 1982-83 a que vai pasar á historia como a que cambiou o rumbo do CD Baio. A fichaxe do fisterrán Manín como adestrador-xogador foi a clave para que o equipo baiés pasase a ser un equipo gañador. Proclamouse campión da Liga da Costa 82-83 con superioridade sobre os seus rivais, conseguindo así o primeiro título oficial do CD Baio. Título que axiña se viu complementado co título de campión da Copa da Costa tras impoñerse na final ao Coristanco (0-1/3-1).
CD BAIO 82-83: Xogadores: Lolo, Serafín; Ayala, Braulio, Busto, Dito, Eduardo, Gonzalo, Javier, José Antonio, Juan Calabanda, Loliño, Manín, Marcos, Muíño, Paco, Santi Díaz, Santi Núñez, Suso Fuentes, Tasende, Toja. Adestrador: José López ‘Manín’. Presidente: Julio Díaz. |
O título ligueiro deu dereito ao ascenso á 1ª Rexional, encadrándose no grupo 2 (con equipos da Costa, Santiago, Deza e Barbanza) na temporada 83-84. Magnífica campaña na que o club baiés foi subcampión, perdendo o título nas últimas xornadas polas “deficientes” arbitraxes sufridas nalgúns partidos, a dicir dos protagonistas. Tamén foi subcampión da Copa da Costa, tras perder incriblemente a final na prórroga co Laxe (4-2), cando gañaba por dous goles a falta de quince minutos. Con todo, o segundo posto ligueiro posibilitou o ascenso á Preferente pola renuncia a continuar nesta categoría do Perlío. Logo dunha multitudinaria asemblea de socios, decidiuse aceptar o reto de xogar na Preferente.
Moi boa primeira temporada inaugural na quinta categoría do fútbol español, cun 7º posto final. Na 85-86 o equipo estivo nos postos medio-baixos, pero logrou salvar a categoría, mentres que na Copa Galicia (competición na que participaban os clubs dos dous grupos da Preferente) o CD Baio chegou á final, mais perdeu ante o Puebla nos dous partidos (2-1/2-0). Na 86-87 mellorou a clasificación na liga, ata acabar 8º, e na Copa Galicia perdeu nos penaltis co Xuvenil de Ponteareas a posibilidade de chegar a unha nova final. A temporada 87-88 veu marcada pola morte en accidente do presidente Calabanda, pero o equipo non o notou e acabou a liga en postos intermedios, e novamente os de Ponteareas deixáronos fóra da final da Copa Galicia, ao remontar o 4-1 conseguido no Balsiño. A 88-89 foi a última das cinco temporadas que o equipo estivo na Preferente nesta década, e deixaría de estar por vontade propia porque o equipo acabara na 10ª posición, e novamente se chegara á final da Copa Galicia, na que caera co Tomiño (2-2 en Baio e derrota na volta 6-1 co equipo xa descabezado).
E é que a directiva presidida por Julio Díaz presentara a dimisión irrevogable e non había quen collese o relevo. Xa moi entrado o verán foi José Muíño o que se puxo á fronte do club, pero renúnciase a continuar na Preferente para xogar na 1ª Rexional, que na época tiña un grupo formado exclusivamente por clubs costeiros (dito doutro xeito, a Liga da Costa fora trasladada á 1ª Rexional). Boa temporada a 89-90 nesta categoría, pero insuficiente para conseguir o título, acabando na 3ª posición.
Década de 1990
Empezaría o CD Baio a última década do século XX proclamándose campión da Liga da Costa 90-91 (incluída na 1ª Rexional), en dura loita cos veciños Nantón e Zas, e co coristanqués José Antonio Moreira no banco. Unha campaña, ademais, que supuxo o cambio de campo, coa inauguración o 24 de agosto de 1990 do Campo Platas Reinoso, situado na zona de Su a Agra (atrás quedaba o Balsiño, que non obstante seguiu usándose durante unha década máis para as categorías inferiores). Pero novamente a directiva deixaba o cargo e o club non tiña gobernantes.
CD BAIO 90-91: Xogadores: José Carlos, Lolo; Gati, Javier, José Manuel, Loliño, Marcos, Pepe, Santi Núñez; Braulio, Costa, Feal, Gerardo, Sergio, Vázquez; Fariña, Fran, Juan Eiroa, Lilo, Reyes, Santi Díaz. Adestrador: José Antonio Moreira. Presidente: José Muíño Espasandín. |
Houbo que agardar unha vez máis á última hora para que aparecese un rexedor e este foi José Ramón Touriñán. A nova xunta renunciou ao ascenso á Preferente e tamén a continuar na nova 1ª Rexional (que agora pasaba de contar con tres grupos na provincia da Coruña a ter un só), e decidiu continuar na Liga da Costa, encadrada de novo na 2ª Rexional. Na 91-92 o Baio loitou polo título ata o final, pero ao remate foi 3º; e peor foron as cousas na 92-93, na que acabou 4º, pero moi lonxe do campión. Mais a parte positiva desta temporada veu da man dos xuvenís, que lograron o ascenso á Liga Galega, e que conformarán a base dos éxitos das vindeiras temporadas. Para a campaña 93-94 o equipo reforzouse para gañar a liga, pero non logrou o seu obxectivo, tendo que conformarse co segundo posto; e na Copa tamén quedou sorprendentemente eliminado polo Laxe nas semifinais. Con todo, o Baio logrou o ascenso á 1ª Rexional debido ás moitas renuncias a continuar nesta categoría.
A temporada na categoría provincial non comezou ben, pero 26 xornadas seguidas sen perder levaron ao equipo de Moncho Varela aos postos altos, para acabar proclamándose campión da 1ª Rexional 94-95 e ascendendo á Rexional Preferente.
CD BAIO 94-95. Xogadores: Braulio, Norberto; Bareta, Canillas (x.), David, Gerardo, Mario, Nando, Pena, Touriñán; Chema (x.), Fariña, Loliño, Javier Beiro, Pastoriza, Rolando, Santi Pastoriza; Guillermo, Javi Capador (x.), Manolito, Silvariño, Víctor. Adestrador: Moncho Varela. Presidente: José Ramón Touriñán Chans. |
Como xa era un costume logo de conseguir un campionato, a directiva dimite e farase cargo do club unha xunta xestora, que terá a súa fin no Nadal coa proclamación de José Gavín como novo presidente. O equipo, conformado na súa maioría polos xuvenís que acadaran o ascenso á Liga Galega, sufriu pero logrou manter a categoría. Tamén sufriu para aguantarse na 96-97, pero ao remate da liga acabou como o mellor equipo da Costa nesta temporada. A 97-98 comezou moi mal o equipo ocupando os últimos postos, pero tivo unha gran reacción na segunda volta que o deixou en postos medios da táboa clasificatoria. No verán de 1998 estiveron en vilo os afeccionados baieses pois non había quen se fixese cargo do club, e tiveron que ser á última hora os xogadores os que desen o paso á fronte con Faustino Espasandín como presidente. Non foi unha boa temporada e o equipo descendeu de categoría, poñendo fin a catro anos seguidos en Preferente (nove en total), pero coa honra de quedar por terceira temporada consecutiva como o equipo da Costa mellor clasificado. Pechaba a década o Baio xogando na 1ª Rexional, na que non tivo unha campaña mediocre, acabando na zona media-baixa.
Década de 2000
Cunha nova directiva presidida por Jesús Souto principiaba outra temporada na 1ª Rexional, na que o equipo copiou o mostrado o ano anterior. Mellorou na campaña 01-02, achegándose aos postos altos, pero o revés veu na Copa da Costa, na que quedou eliminado nas semifinais ao perder na casa co Xallas da 3ª Rexional. Na 02-03 o CD Baio xa se postulou como un dos grandes da categoría e loitou polo ascenso ata case o final da liga, pero rematou na 3ª posición. E de novo volvía quedar fóra nas semifinais da Copa da Costa, neste caso co Cabana. Volve de novo Faustino Espasandín á presidencia na 03-04, e o equipo sofre para manter a categoría (conseguiríase por unha carambola, coa desaparición do Cabana e Compostela B, incluídos). Pero o éxito desta temporada veu na Copa da Costa, na que chegou á final, pero non puido cun At. Minero de categoría superior (1-0/1-1). Na temporada 04-05 volveu o equipo aos postos altos, aínda que lonxe do ascenso, e coa fichaxe mediática de Radchenko chegouse a unha nova final da Copa da Costa. O rival foi o Dumbría campión da Liga da Costa, que finalmente levaría o título (1-0/1-1). A temporada 05-06, con Jesús Souto de novo na presidencia, sería a última das sete consecutivas nas que estivo na 1ª Rexional provincial. O equipo quedou clasificado no 13º posto, pero polos arrastres da categoria superior descendeu á Liga da Costa.
Co descenso á 2ª Rexional, na temporada 07-08 parecía que o Baio podía loitar pola liga, pero despois dunha boa primeira volta, ao remate quedou moi lonxe do campión, a pesar de finalizar 3º. Peor irían as cousas nas tres seguintes, nas que o equipo transitou por zonas intermedias sen aspiracións máis altas, a pesar do cambio de directiva, coa chegada primeiro de Óscar Lema e despois de Diego Díaz.
Década de 2010
Esta década principiaba cun equipo moi novo que tivo que loitar por manter a categoría, para mellorar considerablemente ao ano seguinte, no que pelexou en postos máis altos, non chegando a ocupar os catro postos que daban dereito ao ascenso á nova 1ª Autonómica. A temporada 12-13 comezou con cambio de adestrador a piques de comezar a liga que non auguraba nada bo, pero o equipo foi a máis ao longo do campionato e estivo loitando polo título ata o final. Ao remate foi subcampión, o que lle deu dereito a xogar unha liguiña de promoción, na que superou a Agolada e Sálvora e o equipo dirixido por Félix García ascendía de novo á 1ª Autonómica.
A temporada 13-14 era unha campaña especial porque o club celebraba as súas vodas de ouro. Cunha nova directiva presidida por Chema Rei, o club celebraba o seu 50º aniversario por todo o alto, mentres que o equipo competía moi ben na 1ª Autonómica, acabando nos postos altos. Mellor foron as cousas na 14-15, na que o Baio estivo loitando polo título boa parte da temporada, pero as baixas do último tramo afastárono do ascenso e acabou 4º. A seguinte campaña comezou mal, e aínda que remontou algo o voo, os moitos arrastres que houbo este ano nesta categoría fixeron que o 13º posto non fose suficiente para evitar o descenso.
Volveu o Baio na 16-17 á 2ª Autonómica, mantendo boa parte do bloque do ano anterior. Con Pedro Gómez no banco, mantívose nos postos altos toda a temporada, pero trece vitorias consecutivas despegárono na clasificación para acabar proclamándose campión da Liga da Costa 16-17 con xornadas de antelación.
CD BAIO 16-17. Xogadores: Diego, Julián (x.), Recarey; Costiña, Eloy, Fran (x.), Fredi, Isaac, Luis, Norberto, Porto, Ramón, Yago; Bieito, Brais, Fachal, Josiño (x.), Mario, Martín, Moreno, Pedro, Peke, Rubio; Christian, Javi Suárez, Martín MC, Santi Díaz. Adestrador: Pedro Gómez. Presidente: Chema Rei Lema. |