Chino seguirá de presidente unha temporada máis

chino sigue presidente

O pasado sábado celebrábase no Centro Sociocultural de Baio a terceira asamblea deste club, nun último intento de formar unha directiva que remprazase á actual.

A xerencia, presidida por Chino xunto con seis directivos máis, deixaba en abril as portas abertas a calquera afeccionado para que asumise as rendas do club ao remate de temporada. Sen embargo, a escasa presencia de abonados nas asambleas non convidaba a ser optimistas co relevo. Ante tal panorama, e fronte aos quince socios que se achegaron á última asamblea, Chino asume un ano máis a presidencia.

Con él continuarán tan so dous dos directivos que formaban a presente xerencia, xunto con dúas novas incorporacións que non dubidaron en ofrecer a súa axuda e poñerse ás ordes do club dende o primeiro momento. Desta maneira, con cinco membros da directiva confirmados, as portas continúan abertas a calquera que poida botar unha man. Dous dos presentes na asamblea tamén se ofreceron a colaborar desenvolvendo tarefas concretas compatibles coas súas axendas, axuda moi necesaria e importante, sobre todo tendo en conta o escaso número de grupo de traballo co que se conta polo momento. Ámbolos dous demostraron que para quen quere non hai excusas, abrindo así paso a que sexan máis os que fagan o mesmo e colaboren co club dentro das súas posibilidades.

Así, mentres se sigue formando unha nova xunta directiva, o club poderá comezar a planificar a próxima temporada. Por diante queda moito traballo para dar continuidade a este proxecto que tanta ilusión trouxo á vila. Co primeiro paso dado, nas mans de todos queda poñer o seu gran de area para que isto non remate. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *