Celebramos os 500 partidos en 1ª contra un histórico: a SD Negreira

A Historia

O domingo o CD Baio vai xogar o seu partido número 500 na 1ª Autonómica (sen contar aquel invento federativo de poñer a Liga da Costa na 1ª Rexional, claro). Son medio milleiro de partidos contra rivais de toda a provincia -e parte de Pontevedra- que dan mostra dunha boa traxectoria desde que alá pola temporada 1983-84 xogabamos por vez primeira nesta categoría. Son de momento 203 vitorias e 131 empates, con 164 derrotas; conseguimos marcar 759 goles e encaixar 714, sumando 697 puntos. Somos o equipo da Costa que máis partidos disputou nesta categoría, e tamén o que leva máis temporadas nela, un total de 15. E para celebralo este domingo recibimos a un histórico da Liga da Costa, que hai 23 anos decidiu deixar esta zona para ir á Liga do Sar. Estamos falando, claro está, da SD Negreira. O club barcalés iniciou a súa andadura en 1964, participando na 1ª Copa da Costa (non o fixera na Liga), e despois xa se incorporou na temporada 1964-65 á Liga da Costa, na que estivo tres temporadas. Logo botaría outras tres na Serie A Rexional, para volver na 1970-71 para a Liga costeira. Na 197-72 proclamouse campión, e volveríao facer na 1981-82, cando tras doce campañas seguidas ascende á 1ª Rexional. Tras catro anos nesta 1ª Rexional semiprovincial, na 1986-87 participa nesa 1ª Rexional que era en realidade de novo a Liga da Costa, da que resulta campión. Sobe á Preferente tras gañarlle na promoción de ascenso ao Airiños do Ulla, e aquí vai botar as seguintes nove temporadas. Na 1996-97 participa na 1ª Rexional provincial, na que consegue proclamarse campión, á vez que anunciaba a súa marcha da Liga da Costa. Catro anos na Preferente, e no último, na temporada 2000-01 consegue gañar o título e ascender á 3ª División. Outros catro anos na 3ª División, e na 2004-05 logra o subcampionato, e o máis importante, o ascenso na promoción á 2ª B. Temporada histórica a 2005-06 na categoría de bronce do fútbol español, pero non puido evitar o descenso e volveu á 3ª división. Nesta botaría as seguintes 8 campañas, para descender na 2013-14 á Preferente. Pero pouco durou a súa estadía aquí, pois na 2014-15 consegue o título e volve ascender á 3ª División. Tres temporada aquí e novo descenso, agora en cadea, pois do descenso á Preferente na 2017-18 pasou ao descenso á 1ª Galicia na seguinte 2018-19, polo que na actual compite outra vez na Primeira. Son coa actual 7 nesta categoría, que sumadas ás 15 na 2ª Rexional, ás 3 na Serie A Rexional, ás 15 na Preferente, ás 15 na 3ª División, e á 1 na 2ª B, fan un total de 56 temporadas competindo. Os seus títulos son dúas ligas da Rexional Preferente (2000-01 e 2014-15), unha da 1ª Rexional (1996-97) e tres da Liga da Costa (1971-72, 1981-82 e 1986-87); aos que hai que sumar dúas finais perdidas da Copa da Costa: 1966-67 (fronte ao Xallas) e 1971-72 (contra o Ponteceso).

Esta será a decimosétima temporada na que coincidan os dous conxuntos na mesma categoría e grupo. As dez primeiras foron na Liga da Costa, a seguinte na 1ª Rexional e as cinco últimas na Preferente. A primeira vez que se enfrontaron foi en Negreira o 9 de maio de 1965, con clara vitoria local (7-0), mentres que o primeiro partido disputado en Baio foi o 11 de xullo e rematou con vitoria nicrariense (4-6). Gañou o Baio na temporada seguinte (3-2) no Balsiño, para perder na 66-67 (0-2). Despois de tres temporadas sen enfrontarse, volveron coincidir na 70-71 e houbo empate (2-2), para gañar o Negreira as dúas seguintes visitas (0-2 e 1-7); empate na 73-74 (3-3), derrota na 74-75 (0-1), empate na 75-76 (2-2) e nova derrota na 76-77 (0-2). Houbo que agardar ata a campaña 83-84 para que volvesen coincidir, neste caso na 1ª Rexional, e aquí o Baio impúxose por 2-1. Na 87-88 e na 88-89 volveron cadrar, neste caso na Preferente e nos dous encontros do Balsiño houbo empate (0-0 e 1-1). A seguinte visita do Negreira xa foi ao Platas Reinoso, na campaña 95-96, e o Baio perdeu por 0-1 a pesar de que os nicrarienses acabarían descendendo. Na 97-98 o partido acabou en empate (0-0) e na última visita do Negreira a Baio, o 20 de decembro de 1998, impúxose por 1-2, con gol baiés do actual presidente do club, Chino. Polo tanto, as estatísticas están moi claras a favor dos barcaleses, que dos 16 partidos xogados en Baio gañaron na metade, e empataron en 6, con tan só dúas derrotas; neses partidos o Baio logrou marcar 19 goles e encaixou 33. Se xa son claros os números nos encontros en Baio, máis o son no cómputo global, pois o Baio só logrou gañar un e empatar dous partidos dos 16 xogados fóra; polo que as estatísticas globais falan de 3 vitorias para o Baio, oito empates e 21 derrotas nos 32 partidos; con 31 goles a favor e 78 en contra.

O partido do domingo

A SD Negreira volveu esta temporada á 1ª Galicia despois de dous descensos seguidos que os levaron da 3ª División á Preferente, e de aquí á súa actual categoría. Despois dun verán que comezou con incerteza, polo estado no que quedou o club, unha nova directiva colleu o mando, coas miras postas nunha próxima volta á Preferente. Coa fichaxe dun vello coñecido e home de club, como Julián Ferreiro, para o banco, tan só continuaron sete xogadores da pasada campaña (seis na actualidade), polo que houbo que completar o plantel con bastantes fichaxes. Do equipo da Preferente quedaron grandes xogadores como Rubén Caamaño (con ampla experiencia na 3ª co Negreira, Ordes e Narón), Paco, Agra, os irmáns Alberto e José Caamaño, Adrián Rial (moitos anos na Preferente: Estudiantil, Bertamiráns, Villestro…) ou Rubén Márquez (xogador da canteira do Compos, e con gran traxectoria na 3ª: Santa Comba, Boiro, Bergantiños, Céltiga…). A práctica totalidade das fichaxes proceden de equipos da Preferente, coa excepción do porteiro suplente Mateo, que vén do xuvenil do Orillamar; do Noia chegaron Ander (que xa xogara hai anos no Negreira en 3ª) e Bendaña (que xogou na 3ª co Noia, Dubra e Boiro); do Estudiantil ficharon ao veterano Uxío e volveu Maceiras á que fora súa casa; do Ordes viñeron o porteiro Alberto, o central Villaverde (que ascendera co Noia da 1ª á 3ª División) e o veterano goleador David Suárez (ex do Noia da 3ª); do Dubra volveu Marcos Munín (que xa xogara 4 campañas no Negreira na 3ª e despois pasou por Arousa, Noia e Dubra na mesma categoría); do Arzúa ficharon a Rúa; e o único que no veu da Preferente foi Álex Forján (Luaña). Iniciada a liga, causaron baixa o propio Álex Forján (Castriz) e Agra (Agrón), pero incorporaron varios xogadores máis: Matías (Villestro), Chustas (Puebla), Jorge Munín (Sigüeiro) e a fichaxe estrela, Stefan, que comezara a liga neste grupo co Mazaricos, pero é un home cun pasado futbolístico impresionante, que pasou polas canteiras de Valencia e Barcelona (xogou no Barça C), e que xogou en equipos como Oviedo, Cultural Leonesa, Castellón, Pontevedra, Somozas, Boiro, Negreira, Céltiga ou Noia (todos eles en 3ª ou 2ª B).

Ata o momento foron utilizados 21 xogadores, todos eles sénior, das 20 fichas coas que conta agora tras as dúas baixas e a non intervención do porteiro Mateo. Tres xogadores foron titulares en todos os partidos: o porteiro Alberto, Ander e José Caamaño; e deles os dous primeiros xogaron todos os minutos. Adrián Rial tamén xogou os 13 encontros pero un deles saíu desde o banco; e 11 partidos desde o inicio suman Rubén Caamaño e David Suárez. Alberto Caamaño, Paco, Rúa, Villaverde, Marcos Munín, Bendaña e Maceiras repártense as outras titularidades. Menos oportunidades tiveron Uxío e Matías, e Rubén Márquez case sempre participa desde o banco. Menos interviron os dous que se foron, e as recentes fichaxes Chustas, Jorge Munín e Stefan.

Actualmente a SD Negreira ocupa a 9ª posición, con 18 puntos, colleitados mediante 5 vitorias e 3 empates, con 5 derrotas. Moi irregular na súa traxectoria, pois tras vencer nos catro primeiros partidos, estivo os oito seguintes sen vencer (3 empates), para volver gañar na última xornada ante o Flavia. Como visitante xogou seis partidos, con dúas vitorias, dous empates e dúas derrotas: At. Ribeira (2-3), Esclavitud (1-2), Soneira (1-0), Praíña (1-1), Unión (3-0) e Lalín (0-0). Como visitante marcou seis goles e encaixou oito, mentres que no total leva 15 goles a favor e 18 en contra. O seu máximo goleador é David Suárez, con 5 goles, seguido de Adrián Rial, con 3; os restantes sete repártenos entre Paco, Bendaña, Alberto Caamaño, José Caamaño, Chustas, Rubén Caamaño e Rubén Márquez.

PRIMEIRA GALICIA – GRUPO 2

C.D. BAIO – S.D. NEGREIRA

Domingo 8 de decembro; 16:00 horas.

Campo: Platas Reinoso (Baio).

Árbitro: Naim Juncal García.

Asistentes: Alexandre Represas Rodríguez / Diego Sanjurjo Fernández.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *