A Historia
O domingo o CD Baio viaxa ata Valga para enfrontarse ao Cordeiro CF na última xornada da primeira volta. Este club pontevedrés foi fundado en 1969, e tras 13 campañas na Liga do Sar (ou na xa denominada 2ª Rexional), vai ascender á 1ª Rexional semiprovincial, na que estará 4 temporadas, para seguir, logo da división deste grupo en dous (Costa e Santiago), na 1ª Rexional cinco campañas máis. Na 1990-91 desfanse estes grupos da 1ª Rexional e o Cordeiro encádrase na 2ª Rexional, na que vai xogar dúas temporadas, para caer ao inferno da 3ª Rexional na 1993-94. Volve subir ao ano seguinte e tras 11 campañas na 2ª Rexional, proclámase campión na 2004-05 e sobe á 1ª Rexional provincial. Non lle foron ben as cousas nesta categoría e é pechacancelas e volve descender. Sete campañas máis estivo na 2ª Autonómica ata que na 2012-13 se proclama de novo campión e ascende á 1ª Autonómica, de novo semiprovincial, na que suma coa actual a sétima temporada consecutiva. En definitiva, son 17 temporadas na 1ª Rexional (5 delas como Liga do Sar), 33 na 2ª Rexional e 1 na 3ª Rexional. Neste tempo conseguiu os campionatos de liga da 1ª Rexional Grupo 2A na 1987-88 (perdeu a promoción de ascenso á Preferente co Camariñas), e dous da 2ª Rexional (2004-05 e 2012-13).
Esta é a oitava temporada na que coinciden os dous conxuntos, todas elas na 1ª Rexional. O primeiro partido que disputaron foi o 8 de xaneiro de 1983, no Balsiño, e o Baio gañou con claridade (3-0); mentres que o primeiro xogado en Valga foi o 13 de maio de 1984, e volveu gañar o equipo baiés (1-2). Habería que agardar dúas décadas para que volvesen atoparse, e foi na temporada 2005-06, na 1ª Rexional Provincial, e o Baio volveu gañar en terras pontevedresas (0-2), mais ao remate os dous descenderían á 2ª Rexional. E os dous volveron subir logo da temporada 2012-13 e coincidirían nas tres campañas seguintes. Seguindo coa tradición, o Baio levou a vitoria do campo de Baño, tanto na 2013-14 (1-2) como na 2014-15 (0-2), para certificar a regra do 2. Foi nas tres últimas visitas nas que o Cordeiro logrou impoñerse ao Baio: na temporada 2015-16 fíxoo por goleada (4-0), na 2017-18 venceu por 2-0 e na pasada nova goleada (4-0). As estatísticas dos partidos xogados en Valga son aínda favorables aos baieses, con catro vitorias e tres derrotas, pero con 12 goles para os locais, por 8 dos visitantes; nas do total o Baio impúxose en 9 dos 14 partidos xogados, con catro derrotas e un empate, con 22 goles a favor e 18 os encaixados.
O partido do domingo
O Cordeiro CF salvouse milagrosamente do descenso a temporada pasada, ao coincidir o ascenso do Sigüeiro e a decisión do Estudiantil de xogar na 3ª Galicia. Agora, mantendo a maior parte do bloque do ano anterior, mantense nos postos medio-altos da clasificación. Ata 16 xogadores se manteñen no equipo, con baixas significativas como as de Mateo ou os irmáns Brea, pero incorporaron ata oito xogadores. Do Flavia chegou Salva Arufe, e tres desde outro equipo padronés, o Sar Extramundi: Nacho López, José Manuel e Juan Rial; e tres máis chegaron desde equipos xuvenís: do Arousa Sergio Rey, do Compostela Sergio González e do propio Cordeiro Kevin; que xunto coa volta do dianteiro Alexandre compoñen as novidades.
Son 23 as fichas coas que conta o míster José Luis González Eiras e xa utilizou 25 xogadores no que vai de liga (3 deles xuvenís e Lucas Ces que causou baixa). O único que foi titular en todos os encontros foi Sergio Rey, mentres que Magariños tamén os xogou todos pero un deles fíxoo saídno desde o banco; tamén levan 15 titularidades Salva Arufe e Sergio González, mentres que Manu García leva 14. Moitas veces tamén foron da partida, Rubén Bodaño, Nacho López, Rivadulla e Samuel -este xogando todos os partidos-. Na portería ata tres foron os homes que participaron, pero Alberto Cascallar é o máis usado, pois saíu en 10 encontros. Tamén disputaron moitos minutos Marcos Baldomero, Moisés, Juan Rial ou Marcos Lorenzo; mentres que dispuxeron de menos oportunidades Isaac, Juanjo, Bustelo, os porteiros Juan Busto e Pablo, Alexandre e Kevin, así como os xuvenís Iván Fuentes, Garrido ou Joel.
Actualmente o Cordeiro CF ocupa a 7ª posición, cos mesmos puntos que o Baio, 25, colleitados mediante 8 vitorias e 1 empates, con 7 derrotas. Marcou 29 goles e encaixou 22 este equipo, que parece que funciona por rachas, pois perdeu os dous últimos encontros tras gañar os catro anteriores, que sucederon despois de estar catro xornadas sen gañar. Co mesmo número de encontros sumou un punto máis como visitante que como local, 13 por 12, pois no Campo de Baño gañou en catro ocasións e perdeu noutras tantas, con resultados como os seguintes: Val do Ulla (2-0), At. Ribeira (0-2), Agolada (2-1), Mazaricos (1-2), Soneira (1-2), Praíña (2-0), Unión (3-0) e Lalín (1-2). No seu campo tamén conseguen que haxa menos goles que como visitante, pois marcou 12 e encaixou 9. O seu máximo goleador é Sergio González, con 9 goles, seguido de Samuel, con 6; Manu García e Marcos Lorenzo levan 3, e 2 Marcos Baldomero; mentres que suman 1 Bustelo, Rivadulla, Rubén Bodaño, Magariños e xa ex Lucas Ces, xunto con outro marcado en propia meta.
PRIMEIRA GALICIA – GRUPO 2
CORDEIRO C.F. – C.D. BAIO
Domingo 5 de xaneiro; 17:00 horas.
Saída de Baio ás 14:30 horas.
Campo: Municipal de Baño (Valga).
Árbitro: Pablo Botana Rey.
Asistentes: Adrián Ponte Aponte / Pablo Blanco Ameijeiras.