Bruno Pérez (A Mata, 1990) é o segundo adestrador do CD Baio por terceira temporada. Comezou a súa traxectoria deportiva como futbolista precisamente nesta casa, onde pasou por todas as categorías inferiores ata xuvenís. Unha vez rematada a súa etapa no fútbol base, decidiu dar o paso ós banquillos. Debutou entón no Laracha de cadetes sendo o segundo de Adrián Lema, adestrador do Xallas FC nesta temporada. Este tándem comezaría despois no Laxe, onde estiveron xuntos ano e medio, ata que Bruno acabou quedando á fronte do equipo no último tramo da temporada. Ao remate desa segunda campaña, finalizaba a súa etapa no Laxe para volver á súa casa.
Como estás levando o parón? Ti tamén fas as rutinas do Míster?
Pois é unha situación que xa se está facendo moi larga e faise bastante complicada. As rutinas sempre intento facelas e quédome niso, no intento (risas).
Que tal se porta o grupo? Como se manexa un grupo de xogadores da túa idade dos que coñeces á gran maioría de toda a vida?
O grupo é magnífico, creo que tanto a nivel futbolístico como persoal son moi bos rapaces, entón todo é mais fácil.
Como resumirías esta temporada?
Quizais esta temporada non estaba sendo o boa que se esperaba, tendo as condicións para estar mais arriba na clasificación.
Cal cres que foi o motivo de que pasaramos unha costa de xaneiro tan difícil?
Pois penso que ó non chegar os resultados bos, todo vai pesando e costa máis sacar os partidos. Pero o equipo sempre traballou e sacrificouse como o que máis.
Quen cres que é o que máis se está coidando neste parón?
Creo que a maioría se está coidado, pero os que máis creo que son o presi e máis Pablo (risas).
A quen lle poñerías as pilas?
As pilas quizais as teñamos que poñer todos para estar ó mellor nivel e estar máis arriba na clasificación, que penso que é o noso lugar por equipo.
Que xogador che sorprendeu máis esta temporada?
Quizais esta temporada me quede con Manu, creo que é un xogador que marca a diferencia. E despois está o de sempre, MC, que aínda que penses que non, sempre te acaba sorprendendo por algo.
Se tiveras que escoller un…cal sería o teu compañeiro de autobús cada domingo?
Creo que con Yago, Mc e Rubio.
Se tiveses carta libre para facer fichaxes…a quen traerías? Que cres que lle fai falta ao Baio?
Creo que a plantilla este ano é bastante xusta en número polo que, se cadra, un par de xogadores máis farían as cousas máis sencillas habendo baixas. Polo demais creo que non faría falta máis, creo que temos moi boa plantilla.
Cal é o teu mellor recordo no fútbol? E o peor?
O mellor recordo creo que foi a temporada pasada, para min foi moi boa persoalmente por poder aprender de alguén como Pablo. O peor…non sabería responder.
Marcácheste algunha meta no Baio?
A meta que teño é que todos estean o máis contentos posibles co meu traballo dentro do equipo, e gañar todo o posible (risas).
Yago envíache unha pregunta: “que botas máis de menos neste parón, poñernos multas por todo ou facer con nós os circuítos dos martes?
Poñer multas, os circuítos estounos facendo na casa (risas). O de que son por todo non é así, todas as multas teñen xustificación.
Se tiveras que facer unha pregunta a algún dos teus compañeiros…que lle preguntarías e a quen?
Faríalla a Rubio: botas máis de menos os burpees ou que Norberto che fale en castelán nos partidos? (risas)
Para rematar, que mensaxe che gustaría deixar á afección?
A afección espero que pronto poda estar no Platas, que teñan ganas de disfrutar do equipo e da mellor forma posible!!