Braian: “Polo que me contaron, a Copa é unha espiña cravada”

Braian (Coristanco, 2000) chegou a pasada temporada procedente dos xuvenís do Orillamar de Liga Nacional, escollendo o noso club para dar o salto á categoría sénior. Comezou a súa traxectoria nas Escolas Luís Calvo e continuou no Bergantiños ata o último ano de cadetes. Despois desta etapa recalou no Coristanco, onde competiu os dous primeiros anos de xuvenil antes de chegar ao Orillamar, para rematar alí a súa etapa de canteirán. No seu primeiro ano de sénior en Baio sorprendeu a súa polivalencia, compromiso e dispoñibilidade a cubrir calquera posición e cumprir en todas, un dos xogadores revelación que non dubidou en renovar nesta familia e seguir loitando con nós en canto volva a competición.

Como estás despois de tantos meses sen competición? Es dos que te seguiches coidando ou estiveches máis relaxado?

Pois a verdade é que se vai levando como se pode, pero si que podo dicir que boto moito de menos os adestramentos e os domingos de partido. Podería dicir que estiven algo máis relaxado, porque para coidarme teño que ter a alguén enriba miña que son moi vago.

Algúns mencionáronte como un dos xogadores máis destacados da pasada temporada, como a valorarías ti a nivel persoal e grupal? Foi como esperabas?

Pois a nivel persoal dentro do campo costoume coller confianza en min mesmo, era o meu primeiro ano de sénior nunha liga bastante competitiva, pero grazas á confianza que me deron tanto o adestrador coma os compañeiros puiden dar un paso e demostrar un pouco máis de min, e estou moi agradecido por iso. A nivel grupal non teño nada que dicir, porque tanto dentro como fóra do campo estou súper contento de ter coñecido a esta xente que me axudaron a integrarme dentro do vestiario, porque fóra xa me encargaba eu de facer grupo (risas). Ó principio, como xa dixen, costoume e pasábanme moitas cousas pola cabeza, pero grazas ás oportunidades que me foi dando o míster fun collendo ritmo e acabei o ano bastante contento polo meu rendemento. Espero comezar esta temporada como rematei a outra, ou incluso mellor.

Como acabaches no Baio?

O primeiro que recordo foi un día ás 5 ou 6 da mañá, aproximadamente, na calle da Estrella en Carballo, concretamente no Carpe Diem. Eu entraba só cando vin que me viña falar o capi, que se fixara en min e quería que fose para o Baio. Xa me trouxo o Míster para darlle o meu número de teléfono e, dende ese día, tivemos en contacto e a verdade é que acertei en aceptar a proposta.

Que xogador che sorprendeu máis ao chegar a Baio?

Sorprender sorprendéronme todos, basicamente, sobre todo cando estabamos todos no vestiario de carallada e, ó pisar o campo, cambiaban o chip e xa estaban concentrados para adestrar ó máximo. Con iso a verdade é que flipei, ademais da intensidade que lle metían ata o final do adestramento e a maneira na que competían. Podería dicir varios nomes como Mc, que se non metía 20 ou 30 goles como mínimo en cada adestramento non marchaba contento ou Bieito, que ten unha visión de xogo inmensa. Pero sorprendeume moito Manu Santiso pola súa explosividade e polos seus recortes, eu polo menos quedei farto de dar voltas sobre min mesmo para defendelo nos adestramentos.

 A quen lle poñerías as pilas?

Primeiro poñeríame as pilas a min mesmo, que penso que acabei ben a temporada pero quero demostrar e dar máis de min, porque penso que podo dalo. Pero tamén estou de acordo co resto dos compañeiros en que Carlos ten bastante calidade e demóstrao moitas veces nos adestramentos, pero penso que se quere pode dar moito máis.

Cal dos teus compañeiros cres que se está coidando e adestrando máis de cara á próxima temporada?

Polo que vexo penso que é o capi MC, que vin en Instagram que se está machacando e adestrando na casa.

Pola contra, quen dirías que lle vai costar máis poñerse en forma despois de tantos meses de parón?

Non sei como andan o resto, pero sei que a min vaime costar bastante poñerme ben fisicamente porque, como xa dixen, son moi vago e necesito a alguén enriba miña cando adestro e na casa véxoo bastante complicado…

Se tiveras que escoller un…cal sería o teu compañeiro de autobús cada domingo?

Pois a verdade é que eu non tiña un compañeiro fixo no autobús, eu falaba con todos, pero podería dicir que Peke por algún día que comentabamos como nos foi a noite anterior (risas).

Vendo os cambios que houbo no club, atréveste a prognosticar como será a nosa próxima temporada ou cal cres que debería ser o noso obxectivo?

Como dixeron varios compañeiros, penso que o principal obxectivo antes de comezar a temporada é a de salvarse. Despois, durante a temporada e dependendo como nos vaia, poderiamos aspirar a algo máis ou non, aínda que considero que temos equipo suficiente para loitar aí arriba. Pero iso solo depende de nós mesmos, das ganas que lle poñamos.

Cal foi o teu maior maior logro e mellor recordo como futbolista?

Un dos mellores recordos que tiven foi o meu primeiro ano de xuvenil no Coristanco, que quedamos terceiros na liga sur e xogamos a liguilla de ascenso cos outros tres primeiros da liga norte. A verdade é que non tivemos moita sorte e quedamos cuartos, pero foi algo moi bonito e quedei moi orgulloso de nós mesmos, porque competimos o mellor que puidemos.

Marcácheste algún obxectivo no CD Baio? Que che gustaría conseguir aquí?

Por gustar gustaríame conseguir un ascenso e unha Copa da Costa pero, polo que me comentaron, a Copa da Costa é unha espiña cravada no CD Baio e por iso me gustaría axudarlle a traela a esta gran familia.

Julián enviouche unha pregunta: “agora que vas vivir para Santiago, como afectará o ocio nocturno e a túa vida diúrna no teu fútbol e na vida futbolística ?

Julián que estea moi tranquilo que nese aspecto xa me arreglarei, que se me da moi ben o de buscar a maneira de poder pasalo ben sen ter que ir ás discotecas. Para iso seime buscar a vida bastante ben, non son tan vago como para facer o exercicios do Míster (risas).

Se tiveras que facer unha pregunta a algún dos teus compañeiros…que lle preguntarías e a quen?

Voulla facer ao capi (MC): cando aprenderás a tirar as faltas ó final de cada adestramento para que poidamos gañar algunha vez? Eu só non lle podo gañar ao Míster nin a Santiso (risas).

Para rematar, gustaríache deixarlle algunha mensaxe á afección?

Pois si, que nunca se rindan e que nunca deixen de animar, que son o xogador número 12 e nótase moito cando reman a canda nós. Unha afección nótase tanto nas boas coma nas malas, pero sobre todo nas malas💪🏻💙.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *