A Historia
Comeza a segunda volta da liga e o CD Baio ten que desprazarse ata Vimianzo para xogar o derbi soneirán contra o Soneira SD. O club vimiancés, fundado en 1965, disputa a súa 43ª temporada, pois estivo varias campañas sen participar (da 1970-71 á 1977-78, e da 1991-92 á 1994-95). Despois do seu debut na Liga da Costa, estivo cinco temporadas competindo, para desaparecer durante oito campañas. Volve na 1978-79, e tras seis temporadas na Liga da Costa, ascende á 1ª Rexional semiprovincial, na que bota dúas temporadas. Cinco campañas estará na Liga da Costa da 1ª Rexional, ata que o club desaparece en logo da 1990-91. Tras catro campañas sen competir, volve na 3ª Rexional na 1995-96, e ese ano xa consegue o ascenso á Liga da Costa, na que vai botar nove anos antes de ascender á 1ª Rexional provincial. Logo de cinco temporadas nesta categoría logra o ascenso á Preferente, na que botará os seguintes catro anos. Tras dúas temporadas na 1ª Autonómica semiprovincial, volve ascender á Preferente na 2015-16, para volver baixar ao ano seguinte e militar na actualidade neste Grupo 2º da 1ª Galicia. En definitiva, son 5 temporadas na Preferente, 15 na Liga da Costa, 1 na 3ª Rexional e coa actual 12 na 1ª Rexional. O Soneira conseguiu os títulos ligueiros da 1ª Autonómica (2015-16) e da Liga da Costa (1966-67, 1983-84 e 2004-05), así como dúas Copas da Costa (2008-09 e 2010-11), sendo ademais finalista en tres ocasións máis (1999-2000, 2006-07 e 2015-16).
Esta é a décimosexta temporada que coinciden os dous conxuntos, seis delas na 1ª Rexional e o resto na Liga da Costa. O primeiro enfrontamento tivo lugar o 19 de maio de 1966, no Balsiño, e o Soneira levou a vitoria con comodidade (0-3); mentres que o primeiro partido oficial en Vimianzo tivo lugar o 17 de xullo, e novamente os vimianceses se impuxeron con solvencia (5-2). E é que o Baio non logrou puntuar ata o sétimo enfrontamento entre eles, e a primeira vitoria baiesa chegou no noveno partido. O primeiro empate (2-2) viñera na cuarta visita do Baio a terras vimiancesas, logo de tres derrotas nas anteriores visitas; na seguinte campaña volveu golear o Soneira no seu campo (4-1) antes de desaparecer este club durante oito temporadas. Volveron enfrontarse os dous conxuntos na campaña 1979-80, e o Baio colleitou unha sorprendente goleada (1-7), con empate no seguinte ano (1-1). Tras unha temporada sen coincidir, volveron encontrarse na Liga da Costa 1982-83, no que os dous foron rivais polo título, e aínda que este foi para Baio, a vitoria no campo vimiancés quedou para os locais (2-1). Houbo que agardar á temporada 1989-90 para que volvesen cadrar, e foi na Liga da Costa da 1ª , e o Baio venceu por 0-2, e volveu repetir o conxunto baiés na seguinte campaña e desta vez por goleada (1-6). Moitos anos pasaron ata o seguinte enfrontamento, que foi na 1ª Rexional provincial, e o partido disputado en Vimianzo acabou sen goles. Outros dez anos sen coincidir para facelo na 1ª Autonómica semiprovincial; na temporada 2014-15 o Soneira impúxose por 2-1, na 2015-16 o Baio levou a vitoria por 0-1, e tras un ano sen cadrar, na 2017-18 acabaron en empate (1-1) e na pasada con vitoria mínima local (1-0). É dicir, o Soneira impúxose en 7 enfrontamentos como local, con catro empates e outras tantas vitorias baiesas; aínda así os de Baio marcaron un gol máis (27 por 26). En canto ás estatísticas xerais o Soneira impúxose en 12 partidos, por 9 do Baio e 10 empates, con 49 goles a favor dos baieses e 45 en contra.
O partido do domingo
O Soneira SD tivo o ano pasado unha irregular temporada que acabou salvando con tranquilidade nas últimas xornadas, sobre todo despois de vencer no derbi ao Baio. Esta temporada iniciouna coas miras de estar nos postos altos e abofé que o está conseguindo, pois desde o inicio ligueiro mantívose nos postos cabeceiros. Continúa Pedro Gómez no banco e canda el nove xogadores, pois houbo varias baixas, algunha de xente que levaba varios anos no equipo como Aarón ou Sandelo, xunto cos Samuel, Chapela, Adrián Pose ou Luis. Nove xogadores incorporaron este verán, entre os que destacaron a volta dos irmáns Vía e Richi (Negreira) e de Javier (Baíñas), que se uniron ás fichaxes de Leilán (Club do Mar), Diego Lois (Paiosaco), Róber Pladur (Esteirana), Benjamín (San Lorenzo), Fran Calvo (Bergan xuvenil) ou Mauro (sen xogar); a eles uniríaselles hai escasas semanas Brais Mouzo (Muxía).
Son 19 as fichas de sénior coas que conta o equipo, e o míster utilizou no que vai de campaña 20 xogadores, tres deles xuvenís. Tan só dous participaron en todos os encontros (Álex Taibo e Darío), pero non o fixeron sempre como titulares. Os que máis veces saíron no once foron o porteiro Javi Souto, Pichi e Róber Pladur, en 16 veces, seguidos de David Agra e os irmáns Richi e Vía, en 15. Despois deles hai que nomear a Basti, que saíu de comezo en 14 veces e dúas desde o banco, e despois xa virían Álex Taibo e Leilán con 12 titularidades e algunha suplencia. Menos minutos tiveron Diego Lois, De la Sierra, Darío, Mayor, Javier e o xuvenil Brais Pereira; mentres que Brais Mouzo, foi titular nos cinco partidos que leva no equipo. Menos participación tiveron o porteiro suplente Benjamín e os xuvenís Sergio Castiñeira e Dylan, mentres que Alemán e Mauro aínda non debutaron na liga.
Actualmente o Soneira SD ocupa o 2º posto na clasificación, con 33 puntos, que conseguiu grazas a 10 vitorias e 3 empates, mentres que perdeu en 4 ocasións. Acumula dúas derrotas nas últimas xornadas, para completar unha mala xeira de sumar só 5 puntos dos últimos 18, xeira que chegou despois de sete vitorias seguidas que o dispararon na clasificación. Con estes resultados adversos viuse adiantado polo Pino, pero tan só se mantén a un punto do equipo de Arca. O Soneira basea boa parte dos seus éxitos na parte ofensiva, pois leva ata o momento 39 goles, o que o converte no segundo máximo goleador do grupo, aínda que tamén encaixa moito, pois leva 31 goles en contra, unha cifra que o sitúan no quinto posto neste apartado. Dos 33 puntos conseguidos na primeira volta, 20 foron no seu campo, onde se mantén forte, pois suma seis vitorias e dous empates, e só cedeu a derrota da última xornada. Aquí colleitou os seguintes resultados, que dan boa proba do seu potencial: Dumbría (4-1), Volantes (3-3), Negreira (1-0), Esclavitud (4-2), Mazaricos (4-3), Tordoia (5-4), O Pino (1-1), Piloño (3-2) e Flavia (0-2). O máximo goleador é Róber Pladur, con 11 goles, seguido de Basti e Richi, con 6; Javier leva 4, e con 2 están Leilán, Vía e Pichi, mentres que suman 1 Sergio Castiñeiras, Mayor, Agra e Diego Lois, aos que lles hai que sumar dous máis conseguidos en propia porta.
PRIMEIRA GALICIA – GRUPO 2
SONEIRA S.D. – C.D. BAIO
Domingo 12 de xaneiro; 16:30 horas.
Saída de Baio ás 15:00 horas.
Campo: Municipal (Vimianzo).
Árbitro: Alejandro García Mosquera.
Asistentes: David Kumor Otero / Diego Moscoso Carnota.