Boas sensacións, un punto máis

C.D. BAIO 2 – S.D. AGOLADA 2

Moita calor na tarde do domingo no partido que enfrontou no Platas Reinoso a CD Baio e SD Agolada, correspondente á sexta xornada da 1ª Galicia, cunha boa presenza de xente na bancada, roldando os 200 espectadores, que viron un encontro emocionante, con poucas ocasións, pero si moi disputado, que quedou un pouco desmellorado pola actuación do colexiado, que conseguiu nun partido de guante branco desquiciar a locais, a visitantes e aos seus propios xuíces de liña aos que deseguido ignoraba ou desautorizaba, ademais de dez cartóns amarelos e catro vermellos que ninguén logrou entender.

Pero antes de comezar o encontro o CD Baio fíxolle unha pequena homenaxe ao seu ex-xogador Fredi Soneira, que decidiu retirarse a finais da campaña anterior. Fredi empezou no club baiés na temporada 1993-94 como alevín e retirouse na 2016-17. Debutou co equipo sénior na Preferente, na campaña 98-99, sendo aínda xuvenil, e como xuvenil disputou a seguinte temporada co equipo xa na 1ª Autonómica. A partir de aí foron outras 17 temporadas co equipo baiés, entre a 1ª e a 2ª Autonómica, levando tamén en moitas temporadas varias categorías inferiores deste club.

Recuperaba o CD Baio ao seu capitán Martín MC despois de catro xornadas, que veu paliar as baixas que segue tendo o equipo na parte dianteira, e no cadro agoladense volvía o hondureño Jemba, e os dous foron os máis perigosos na busca do gol. Con todo, moito centrocampismo nos inicios, pero era o Baio o que se achegaba con máis asiduidade á área contraria. Froito deses achegamentos, veu o primeiro gol, que chegou a balón parado. Nun córner botado por Moreno, Norberto cabecea no primeiro pau ao fondo das redes (min.27). O gol asentou aínda máis o xogo local, pero nunha discutida xogada dun incorrecto saque de banda (que acabou coa expulsión do delegado local), aproveitou o Agolada para empatar, nun balón metido na área sobre Jemba, que se revolveu moi ben e marcou de forte disparo con escaso ángulo (min.34). Este gol sacou do partido aos locais, que agradeceron a chegada do descanso para evitar males maiores.

Comezou ben o equipo local, pero nun despiste defensivo, Jemba deixou moi ben para a chegada de Brais, que bateu a Dani de tiro cruzado (min.49) e puxo en vantaxe ao equipo do Deza. Totalmente grogui quedou o cadro de Pedro Gómez, que quería atacar con máis corazón que cabeza, e deixaba moitos espazos atrás cando aínda quedaba moito por xogar. Nunha contra, Jemba foise con potencia, e o seu disparo bateu no poste logo de que Dani o desviase (min.54). Pero coa hora de partido cumprida o Baio meteuse no partido e xa o dominou ata o final, con varias ocasións de gol no seu haber. Tívoa Isaac nunha fermosa internada, pero o seu tiro foise fóra, e noutra incorporación o seu centro quedou a medio camiño entre os dous dianteiros baieses que esperaban o pase da morte. Tivo que ser nun novo córner onde chegase o gol do empate, e aí Rubio estivo listo e aproveitou un balón solto no punto de penalti para bater a Álex por baixo (min.74). Seguiuno intentando o cadro baiés ata o final, pero non logrou concretar as súas chegadas, a máis clara un libre directo botado por Martín MC, que saíu lambendo o traveseiro. Nos minutos de desconto chegou a expulsión do visitante Rivas, con vermello directo, e xa unha vez rematado o encontro serían expulsados o adestrador visitante e o xogador Álex Diéguez.

Empate final que deixa un mal sabor de boca por canto na última media superou ao seu rival e contou con fases de bo xogo, que auguran boas sensacións para o futuro. A recuperación de xogadores vai ser fundamental para coller xa carreira nesta liga que se presume igualada polos resultados que se dan cada domingo.

Ficha do partido da FGF

O resto da xornada.

Sorpresa novamente protagonizada polo Lalín, que perdeu na súa visita a Bertamiráns, cunha moi mala primeira media hora, na que se levaba tres goles ao lombo; aínda que os dezanos intentaron reaccionar non puideron máis que marcar o gol da honra. Tamén é sorprendente a derrota no Souto do Flavia ante o ascendido Bastavales, que tamén se distanciou con tres goles, para acurtar distancias os padroneses no tramo final. Sufriu o Puebla para impoñerse na súa visita a Tordoia, e chegoulle un gol de Pap para levar os tres puntos. En Chaián, o equipo local adiantouse ata en dúas ocasións no marcador, pero aí estaba Zequi para darlles un puntos aos do Piloño. Nas Vilas o Cordeiro igualou na segunda metade o gol inicial do Unión, pero este reaccionou ben e acobou impoñéndose con dous goles máis. En Ribeira, o Soneira chegou ao descanso con dous goles de vantaxe, e cando reaccionaron os locais, axiña volveron marcar os soneiráns. Levou os tres puntos o Sigüeiro da súa visita a Berdillo, onde o San Lorenzo non conseguiu gañar, e os de Oroso marcharon con tres goles a favor, o primeiro deles do debutante xuvenil Chenel. Tamén foi contundente a derrota que sufriu o Fisterra na súa visita a Silleda, con catro goles do equipo local.

Cos resultados desta xornada comparten liderado ata cinco equipos, con 12 puntos, o que demostra que a igualdade pode ser a máxima desta categoría, con Lalín, Bastavales, Flavia, Piloño e Bertamiráns á fronte, e Soneira a un punto. Por abaixo, segue o San Lorenzo pechando cun único punto, con Chaián e Tordoia ocupando os outros postos de descenso.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *