Acabáronse as festas co Chaián

Comezou a temporada nun Platas Reinoso ateigado de xente, con case 400 espectadores nunha tarde chuviñenta para celebrar o terceiro días das festas baiesas. E esta pode ser a xustificación ao partido espeso do CD Baio, que sacou un punto ante o Chaián CF, un conxunto que deixou mostras de ser un equipo ben traballado e que vai dar moita guerra.

Pódese considerar xusto o resultado, nun encontro que non houbo moitas oportunidades, e nas poucas que houbo estiveron moi seguros os dous gardametas. O partido non tivo un dominador claro, senón que o dominio foi un pouco intermitente, e o perigo viña polas xogadas que os dianteiros dos dous conxuntos conseguían crear en xogadas máis individuais que colectivas. A primeira parte tivo as mellores ocasións no bando visitante, cun lanzamento de falta que botou sobre o traveseiro e unha cabezada de Iván á saída dun córner cando xa se cumpria o tempo regulamentario.

Mesmo panorama no segundo tempo, aínda que o Baio foise impoñendo aos poucos, sobre todo pola banda de Javi Suárez, que foi un estilete que tratou de penetrar unha e outra vez no entramado definitivo do Chaián. Das súas botas viñeron as mellores oportunidades, sobre todo unha de Martín MC, que aproveitou o centro de Javi para irse do seu marcador, pero no man a man co porteiro Miguel estivo este moi atinado (min.64). Tamén o Chaián tería a súa clara, tan só cinco minutos despois, cun balón en profundidade sobre Álex Caeiro, que remata cruzado e
o balón peta no traveseiro. Presionou o Baio nos últimos minutos coas forzas que lle quedaban e tivo algunha ocasión, sobre todo nas botas de Martín MC, que tras unha ruleta dentro da área, topouse de novo co ex-porteiro do Mazaricos; e tamén nas de Santi Díaz, que nada máis entrou fixo unha boa xogada individual, pero Miguel novamente atallou no primeiro pau.

En definitiva, pódese dar por bo o punto conseguido, e seguir mellorando de cara aos fortes compromisos que se aveciñan. A vindeira semana toca visitar un dos grandes da categoría, o Flavia SD, no campo do Souto padronés.

O RESTO DA XORNADA

Dos demais partidos hai que destacar a confirmación do Lalín como un dos favoritos, que goleou
ao At. Ribeira, cun hat-trick do ex-xogador de Coruxo e Pontevedra -entre outros-. Richi, que
por riba disque chegaba mermado de saúde a un encontro no que marcou as diferenzas. A gran sorpresa veu do empate dun Silleda aínda en construción -viaxou só con 14 xogadores- no campo do Puebla, que se adiantara cun gol da súa estrela Changui. Tamén se pode considerar sorpresa a goleada do Bertamiráns no Lino Balado ante un Sigüeiro que tamén partía coa vitola de favorito. Outro dos chamados a estar arriba, o Flavia de Camilo Perol,
solventou o seu compromiso ao gañar en Tordoia. O Piloño, a pesar das baixas, demostrou que o Camballón é para eles un fortín e venceu pola mínima a un bo Soneira. Tamén pola mínima se impuxo o Unión grazas ao balón parado no tamén difícil campo do Agolada. No Cordeiro-Fisterra deuse un empate que parece facer xustiza ao visto no campo de Valga. Por último, no outro duelo de ascendidos o Bastavales superou ao San Lorenzo, aínda que os
verdilleses estiveron no partido ata que no desconto sentenciaron os locais.

Ficha do partido da FGF

Clasificación

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *