A regra do tres

S.D. TORDOIA 0 – C.D. BAIO 3

Tres goles, tres puntos e gol tres mil do CD Baio. Tarde outonal no campo de Gorgullos que levou pouca xente ás bancadas, con pouco máis de 100 espectadores, que puideron comprobar unha ampla superioridade do conxunto baiés ao longo de todo o partido. Logo de tres encontros sen marcar o Baio conseguiu facer tres goles, e varios máis puido conseguir ao longo dos noventa minutos, a pesar das baixas na liña de ataque de MC, Javi Suárez e Bieito.

Tras uns minutos iniciais de recoñecemento mutuo, o xogo fluído do Baio permitiu ir buscando ocos no entramado defensivo do Tordoia, e aí Brais Lado soubo buscarlle as espaldas á defensa local e con el chegaron as mellores oportunidades. No minuto 19 un balón solto permítelle presentarse diante do porteiro Santi, pero o seu remate é sacado a córner polo meta local. Foi o prolegómeno do primeiro gol, que tras saque de meta de Fedello sobre Martín, este envía en profundidade sobre Isaac, que se interna na área e o seu pase da morte é rematado en liña de gol por Santi Díaz, para romper o maleficio co gol (min.24). Dous minutos despois tivo unha nova ocasión o conxunto baiés, nunha mala saída do meta Santi, e o disparo de Brais é sacado de cabeza por un defensa baixo paus. E unha terceira ocasión para o dianteiro corcubionés, nun novo man a man, no que regatea ao porteiro, pero váiselle un pouco o balón e o seu remate acaba no lateral da portería local (min.35). Chegouse ao descanso cun partido aberto no marcador, pero claramente decantantado para o bando visitante no xogo.

Na reanudación axiña o Baio foi a pola sentenza do partido, e nunha xogada ensaiada o balón chégalle a Brais, que mete a punteira para desviar o balón ante a saída do meta local, para poñer o 0-2 no marcador (min.49). Cinco minutos despois unha falta na frontal da área e Martín lánzaa e o balón sae lambendo o traveseiro. No minuto 59 unha gran xogada en banda de Santi Díaz, que se vai de varios rivais, e tras chegar a liña de fondo cede atrás para que Brais coloque o balón na escuadra da meta local e poñer o 0-3 que ía ser definitivo. A mellor ocasión do Tordoia veu dun lanzamento de falta que botou Toño e que Fedello desviou coa punta dos dedos e o balón foise ao poste (min.69). Puido marcar algún gol máis o Baio nos minutos finais, que non sufriu na parte defensiva para deixar a porta a cero, e para rematar temos que mencionar o debut de Javi Muíño co equipo sénior.

Clara vitoria que permite ir subindo na clasificación, e encarar con máis tranquilidade os vindeiros partidos. O seguinte o domingo en Sigüeiro, ante un dos grandes da categoría.

Mais temos que facer mención do terceiro gol dos baieses, que converteu Brais Lado, pois supón o gol número 3000 da historia do CD Baio. Entra así na nómina de ilustres goleadores do club baiés que conseguiron goles históricos: o 500 fora obra de Braulio (1978-79), o 1000 de Jorge Calabanda (85-86), o 1500 obra de Lilo (93-94), o 2000 marcouno Martín (2002-03) e o 2500 foi obra de Guillermo (09-10).

Ficha do partido da FGF

O RESTO DA XORNADA

Do resto dos partidos da 1ª Galicia Grupo 2, xa non é noticia a vitoria clara do Lalín, que goleou na súa visita ao Chaián. Tamén goleou o Fisterra no derby en Verdillo co San Lorenzo, que se viu sorprendido na primeira parte e na segunda, cun home menos, viu como dous penaltis certificaban a vitoria para os visitantes. O partido máis interesante da xornada xogábase en Vimianzo, e ao remate empate entre Soneira e Sigüeiro, tras adiantarse os locais ao comezo, pero o veterano Juanito remontou con dous goles, pero Aarón igualou de penalti. Tamén se presentaba interesante o encontro de Padrón, no que un Flavia en inferioridade se impuxo a un Puebla que non acaba de arrancar, grazas a un gol de David a dez minutos para o final. Boa traxectoria leva o Piloño que o converte no perseguidor máis directo do Lalín, e os de Vila de Cruces impuxéronse no campo dos veciños de Silleda por un marcador moi apertado (1-2). Tamén segue nos postos altos o Bertamiráns, que tivo que remontar ante un Agolada, que chegaba en cadro a este encontro. Moitos goles na Fieiteira, no que se adiantou o At. Ribeira, pero o Cordeiro remontou xa na primeira parte, para sentenciar na segunda, pero os locais non se deron por vencidos e puxeron a incerteza no marcador cun segundo gol. E no último dos encontros o Bastavales conseguiu asaltar o campo das Vilas e impúxose ao Unión cun solitario gol.

Chégase ao remate da cuarta xornada co Lalín no alto da táboa clasificatoria, con 12 puntos, dous máis que o Piloño, e con 9 están Bertamiráns e Flavia, e o Cordeiro, aínda invicto, suma 8 puntos. Por abaixo, Chaián e San Lorenzo suman un único punto, e con 3 están Sigüeiro e At. Ribeira. Na táboa de goleadores, segue Richi (Lalín) na cabeza, con xa 7 goles, seguido de Madiop (At. Ribeira), que esta semana marcou o seu cuarto gol.

A vindeira semana destaca o partido do Manuel Anxo Cortizo entre CD Lalín e SD Flavia, cun duelo bonito tamén na Pobra co encontro Puebla-Bertamiráns. Piloño e Unión medirán as súas forzas como perseguidores dos lalinenses, e o derby desta semana xógase en Vimianzo entre Soneira e San Lorenzo, e o duelo de campións da 2ª da temporada pasada en Brión, co Bastavales-Chaián.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *