A directiva presenta a súa dimisión

A actual directiva do CD Baio presentou a súa dimisión na tarde de onte, na asamblea extraordinaria de socios celebrada no centro sociocultural de Baio. A xerencia, presidida por Chino xunto con seis directivos máis, deixa as portas abertas a calquera afeccionado para que asuma as rendas do club a final de temporada.

A noticia confirmouse de forma oficial a estas alturas da temporada para sorpresa de moitos, facendo saltar as alarmas de que estivese relacionado coa contundente derrota contra o Flavia. Nada máis lonxe da realidade, a directiva viña traballando nesta data varias semanas, xa que o consideran o momento oportuno para comezar a planificar a seguinte temporada e non a día 30 de xuño, como acostuma ser habitual.

A asamblea tamén serviu para aclarar ante os socios certos puntos que o levaron á súa dimisión. Chino recalcou o dito ao principio de temporada, cando aseguraba que só seguiría un ano máis. A principal razón é o cansanzo, xa que esta é a súa décima temporada como directivo pero acumula toda unha vida vinculado ao club. O presidente asegura que o club necesita un cambio de aire, e aproveitou para informar aos presentes que a este motivo se sumaba a desilusión, xa que recibiu críticas que o fixeron reflexionar sobre a súa continuidade ao frente do club, dado que o ben do CD Baio está por encima de todo. De aí que dea a opción de coller as rendas a outros afeccionados e botarse a un lado, para que o fútbol en Baio siga ilusionando como o primeiro día. Antes de rematar fixo fincapé na incansable dedicación dos directivos que o rodean, asegurando que se necesita máis persoal para non triplicar tarefas a cada un deles.

Chino informou a posibles candidatos á xerencia que, de non haber contratempos, o club quedará con superávit, marxe para que a futura directiva poida comezar a traballar dende o primeiro día. A directiva tamén deixou claro que quedan á súa disposición, dando todas as posibilidades para que se unan ao grupo canto antes para aclimatarse ou aprender o que consideren oportuno.

Nas mans da afección queda un máis que ilusionante grupo de xogadores, que a falta de cinco xornadas acaban de realizar unha temporada espectacular.  Por eles, e por todos os que fixeron deste club o Decano da Costa, a directiva agarda que alguén se poña á fronte coa mesma ilusión que eles o fixeron. Aseguran que sempre serán un máis na familia, e que o poñerán todo da súa parte para que equipo e afección sigando sumando xuntos.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *