A besta negra do CD Baio visita o Platas

A Historia

Quinta xornada da Primeira Galicia e o CD Baio recibe no Platas Reinoso a unha das súas bestas negras nesta categoría, o CD Unión de Asados. Este club foi fundado en 1969, e que disputa coa actual a súa 50ª temporada, logo de que se retirase na 1996-97. Tras once anos na Liga do Sar, ascende á 1ª Rexional na 1981-82, na que vai botar cinco temporadas, cumpridas elas ascende á Preferente, na que botará dúas campañas. Descende á 1ª Rexional na que se encadraba a Liga do Sar, na que está tres campañas para continuar na 1ª Rexional provincial as dúas seguintes. Descende á Liga do Sar e tras tres campañas baixa á 3ª Rexional, pero o club retírase nesa 1996-97. Volve competir na temporada 1997-98 na 3ª Rexional, e tras tres temporadas volve á Liga do Sar para a 2000-01, campaña na que queda campión, pero renuncia ao ascenso. Logo de tres temporadas máis, volve quedar campión na 2003-04 e agora si ascende á 1ª Rexional provincial. Cinco campañas botará nesta categoría para descender de novo á Liga do Sar, pero pouco duraría aquí pois proclámase campión nesa 2009-10 e regresa á 1ª Autonómica, e pouco duraría aquí porque acto seguido sobe á Preferente. A súa estancia aquí foi cousa dun ano, e volveu á 1ª Autonómica semiprovincial, na que acumula oito campañas consecutivas. Xa que logo, nestas 50 temporadas disputou tres ligas da 3ª Rexional, 23 da Liga do Sar, 3 da Preferente e esta é a súa 21ª campaña na 1ª Rexional. Nestes anos acumula 3 Ligas do Sar (2000-01, 2003-04 e 2009-10) e 1 Liga da 1ª Rexional semiprovincial (1985-86); así como 2 Copas do Sar (1974-75 e 1999-2000), sendo finalista tamén na 2007-08.

Esta é a undécima temporada na que coinciden os dous conxuntos, as tres primeiras na Rexional Preferente e as demais na 1ª Rexional. O primeiro enfrontamento foi o 16 de outubro de 1983, no Balsiño, con vitoria local por 3-2. Volveron cadrar na mesma categoría na temporada 1986-87 e desta volta os rianxeiros lograron vencer (0-1), pero os baieses tomaron o desquite na campaña seguinte (2-1). A seguinte confrontación foi no novo século, na temporada 2004-05, na 1ª Rexional provincial, e o partido acabou en empate. Repetiron na campaña 2005-06 e o Baio impúxose pola mínima (1-0). As cinco últimas confrontacións no Platas Reinoso foron na 1ª Autonómica semiprovincial e nas tres primeiras impúxose o equipo de Asados: na 2013-14 venceron por 1-2, e na 2014-15 e 2015-16 golearon polo mesmo marcador (0-4); na temporada 2017-18 puxeron fin á liga cun empate (4-4), e tamén contra o final da liga a temporada pasada o cadro rianxeiro venceu no Platas (2-4). Polo tanto, vantaxe para o Unión nos partidos xogados en Baio, con cinco vitorias rianxeiras e tres baiesas, por dous empates; no que respecta ás estatísticas xerais a vantaxe é maior, con 10 vitorias do Unión, e 5 vitorias baiesas e outros tantos empates. Polo tanto, confírmase que o cadro de Asados lle ten tomada a medida ao Baio nos últimos anos, pois nas últimas súas cinco visitas tan só permitiu un empate, e nos seus últimos catro partidos logrou marcar catro goles en cada un deles.

O partido do domingo

O CD Unión mantén o bloque principal da temporada pasada, que tan boa temporada fixeron e tan só as dificultades ofensivas que mostrou o conxunto fixeron que non estivese máis preto (en puntos) dos postos cabeceiros. Ao final acabou nunha boa sexta praza, pero a 30 puntos dos líderes. O míster José Manuel Miguéns mantén xogadores xa contrastados como Eloy, Álex Conde, Jony, Cristian, Mauro, Reboiras, Óscar Galbán, Chicho ou Manu Vigo, aos que se suman novas fichaxes: Kevin Lojo (Sp. Lampón -aínda que chegou a xogar co Boiro na 3ª División-), Emilio Mariño (Bastavales), Pablo Novo (Sálvora), Manu Treus (Puebla -varias temporadas na 1ª e Preferente- e antes no Boiro), Gabriel (Arousa Xuvenil), Ismael (Araño), Collazo -que estaba sen xogar- e Ramos -que subiu desde o xuvenil-. Como baixas destacadas mencionar as de Juanma, que se foi ao Boiro da Preferente, e Néstor, ao Abanqueiro da 2ª Galicia.

Nestas catro primeiras xornadas, o míster rianxeiro xa fixo xogar aos 20 membros dos que dispón no plantel, dos que sete deles foron sempre titulares. Eloy e Cristian xogaron todos os minutos, e practicamente se pode dicir o mesmo de Manu Treus, Manu Vigo ou Pablo Novo; Ramos e Kevin Lojo completan os sete fixos, e cun partido menos están Jony, Óscar Galbán e Álex Conde. Pablo Reboiras, con dúas titularidades e dúas suplencias, tamén é dos que contaron con moitos minutos, e o resto dispuxo de menos oportunidades polo momento. A pesar de que conta con só tres puntos, colleitados de forma magnífica a semana pasada ante o pontente Flavia por un claro marcador de 3-0, o cadro rianxeiro está demostrando unha gran capacidade defensiva, pois os outros tres partidos perdeunos pola mínima (1-0 en Mazaricos e Lalín, e 0-1 contra o Piloño). Así que, grande equipo o que formou un ano máis o cadro do Unión, con moita xuventude nas súas filas, e que vai dar moita guerra nesta Primeira Galicia, na que xa é un clásico.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *