1ª Galicia Grupo 2º: resumo da temporada

Este domingo remata oficialmente a temporada 2018-19, que nos deparou na Primeira Galicia, no seu Grupo II, un interesante e emocionante campionato que non se resolveu ata a última xornada. A campaña que realizou o campión, a SD Fisterra, e o subcampión, o Sigüeiro CF, pode calificarse de case perfecta e mesmo a do terceiro en discordia, a SD Flavia. O club fisterrán gañou o campionato por mellor golaveraxe particular que os orosáns, empatados os dous con 79 puntos, igualando a puntuación do Noia CF da campaña 2013-14. Para atopar unha igualdade semellante entre os tres primeiros na 1ª Autonómica hai que remontarse á temporada 2005-06, no grupo provincial, cando o Montañeros logrou 80 puntos, un máis que o Noia e tres máis que o Galicia de Mugardos. O Fisterra logrou ascender de novo á Preferente, categoría que abandonara na temporada 1987-88, mentres que o Sigüeiro CF, vencedor na promoción fronte ao Victoria coruñés, vai facer o seu debut nesa categoría. O Flavia, pese aos seus 75 puntos, terá que agardar á vindeira campaña. Por detrás dese trío cabeceiro, quedou o CD Baio, que tivo opcións de engancharse a eles, pero ao non lograr vencer nos duelos directos, quedou en terra de ninguén e deixouse levar no tramo final. CF Dumbría, CD Unión e SD Piloño non pasaron apuros durante toda a temporada e souberon manterse na zona media, ao igual que a SD Esclavitud, que sorprendeu a todos co inicio de campionato, aínda que o último terzo da liga fíxoselle longo e acabaron sendo superados por conxuntos que loitaban pola permanencia.

Nesa zona baixa, dous conxuntos chamados a estar arriba como CD Lalín e SD Soneira tiveron que pelexar ata as últimas xornadas para evitar os arrastres. O Praíña Sp.C. empezou temeroso na nova categoría pero o arreón final valeulle para manterse, mentres que a SD Tordoia fixo unha moi boa primeira volta, todo o contrario que a segunda, o que o levou a ter que pelexar ata o final por saír da queima. Un bo tramo final tamén foi a causa de que a UD Val do Ulla lograse a permanencia, conseguindo superar ao Cordeiro CF neste final de temporada, no que os de Valga pagaron a súa irregularidade. O Chaián CF tivo moitos problemas ao longo da campaña e acabou loitando coa SD Esteirana por non ocupar o último posto de descenso directo, aínda que conforme se achegaba o final de liga xa sabían que ía haber varios arrastres e que os dous estaban sentenciados. Como sentenciados estaban de tempo atrás o Bertamiráns FC e a UD Bastavales, que pelexaron entre eles para evitar o farol vermello, algo que sorprendeu no caso do conxunto brionés logo da súa gran campaña anterior. Polo tanto, seis descensos esta temporada neste grupo, que sumados aos dous ascensos, fan que haxa ata oito novos equipos a vindeira campaña.

Xa que logo, o Grupo II da Primeira Galicia da temporada 2019-20 estará formado polos seguintes equipos: SD Flavia, CD Baio, CF Dumbría, CD Unión, SD Piloño, CD Lalín, SD Soneira, SD Esclavitud, Praíña Sp.C., SD Tordoia, UD Val do Ulla, SD Negreira, SD Agolada, Agr. Estudiantil, Mazaricos CF, At. Ribeira, SD O Pino e Volantes de Baño FC.

Facemos agora fincapé en tres aspectos da temporada que acaba de finalizar: a deportividade, os máximos goleadores e os xogadores con máis minutos disputados.

XOGO LIMPO

Seguindo as directrices marcadas pola FGF con respecto ao Xogo Limpo elaboramos a clasificación do Grupo II da Primeira Galicia. O ente federativo sinala a penalización de 1 punto por cada cartón amarelo, 2 puntos por dobre cartón amarelo, e 3 puntos por cada partido/semana de sanción en caso de expulsión.

Polo tanto, temos que darlle os parabéns á UD Val do Ulla, que con 66 puntos foi a que encabezou esta clasificación, mercé a 58 cartóns amarelos, 1 dobre amarelo e 2 vermellos (2 partidos de sanción). Ocupou a segunda praza o CD Baio, con 73 puntos, con 67 cartóns amarelos e 1 vermello (2 partidos de sanción), e completou o podio o Sigüeiro CF, con 74 puntos, con 54 cartóns amarelos, 4 dobres amarelos e 3 vermellos (4 partidos de sanción). Continúa a clasificación co Flavia (78), Dumbría (80), Lalín (97), Bastavales (98), Soneira (101), Praíña (103), Bertamiráns (103), Tordoia (103), Piloño (103), Cordeiro (104), Fisterra (104) e Unión (115). O podio dos equipos menos deportivos deste grupo está formado pola SD Esclavitud, con 134 puntos (102 amarelos, 4 dobres amarelos e 5 vermellos -oito partidos de sanción-), a SD Esteirana, con 137 puntos (87 amarelos, 4 dobres amarelos e 13 vermellos -catorce partidos de sanción-), e Chaián CF, con 162 puntos (77 amarelos, 2 dobres amarelos e 12 vermellos -27 partidos de sanción-).

MÁXIMO GOLEADOR

Moi discutida estivo a loita por ser o máximo goleador do grupo, pois cando parecía que Martín MC ía facerse co galardón, as últimas xornadas de Adrián Makaay fixeron que non se resolvese ata a última xornada, na que os dous lograron senllos póker. Ao remate da liga o máximo goleador foi Martín MC (CD Baio), con 34 goles, seguido de Adrián Makaay (SD Fisterra), con 33 goles. Eles dous non só lideraron o seu grupo senón que foron os máximos goleadores dos cinco grupos da Primeira Galicia. Volvendo ao grupo II, a terceira praza foi compartida entre Astray (Sigüeiro CF) e Yuyo (CF Dumbría), con 21 goles; mentres que Uxío (SD Flavia), con 19, foi quinto. Na sexta praza finalizou David Pérez (SD Flavia), con 16 goles, e con 13 goles remataron un grupiño formado por Álex Pérez (SD Flavia), Juan Castro (Sigüeiro CF), Maki (SD Tordoia), Manu García (Cordeiro CF) e Róber Pladur (SD Esteirana).

MINUTOS XOGADOS

Esta temporada un único xogador disputou todos os minutos da competición e este foi David Triñanes (SD Flavia), que sumou os 3060 minutos dos 34 partidos de liga. O porteiro Iván Bouzón (SD Fisterra) quedou a 14 minutos del, pois sumou 3.046 minutos, mentres que o defensa Damián Lois (SD Tordoia) foi o terceiro, con 3.037 minutos. Xa baixa dos tres mil minutos o cuarto posto, que é para Rivadulla (Cordeiro CF), con 2.992 minutos; no quinto posto están empatados Javier Souto (SD Soneira) e Martín González (Chaián CF), con 2.970 minutos. Tras eles vén Franqueiro (UD Val do Ulla), con 2.947 minutos, Kanario (CF Dumbría), 2.933 minutos, Martín MC (CD Baio), con 2.901 minutos, Denís (SD Tordoia), con 2.881 minutos, e completaría o once Bieito (CD Baio), con 2.874 minutos.

Completarían a lista dos 25 primeiros os seguintes xogadores: Marc Vidal (Piloño), Eloy (Unión), Álex (Esteirana), Javier Sánchez (Praíña), Cristian (Unión), Aarón (Fisterra), Rubén (Chaián), Rucho (Lalín), Julio Díaz (Bertamiráns), Martín Meijide (Bertamiráns), Jaco (Val do Ulla), Andrés Vigo (Fisterra), Diego Perol (Flavia) e Magariños (Cordeiro).

De todos eles, tan só 6 xogadores foron titulares en todos os partidos do campionato: David Triñanes, Iván Bouzón, Damián Lois, Rivadulla, Franqueiro e Álex.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *